Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 14.500 persoas visitaron a mostra ‘BEN-CHO-SHEY: 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968) en tres meses

O blogue posto en marcha pola área de Cultura da Deputación e o Museo Provincial sobre a figura e o legado deste ilustre galeguista está entre os máis lidos de Galiza
Lugo, 22 de maio de 2012. Un total de 14.503 persoas visitaron a exposición ‘Ben-Cho-Shey: 50 anos de maxisterio cultural (1918-1968)’, que estivo aberta ao público no Museo Provincial de Lugo dende a súa inauguración, o 14 de febreiro, até o pasado luns, 20 de maio, e que constituíu un dos actos centrais do Ano Ben-Cho-Shey organizado pola Vicepresidencia da Deputación e que se desenvolve hasta finais do primeiro semestre deste ano coincidindo co 75 aniversario do seu desterro en Estremadura.

Esta mostra tiña un dobre obxectivo; por unha banda recuperar e dar a coñecer o legado político e cultural do pegadogo, xornalista, etnógrafo, escritor e historiador Xosé Ramón Fernández-Oxea, máis coñecido como Ben-Cho-Shey, e por outro, que os visitantes puideran facer un percorrido pola vida cultural galega, en concreto de Lugo, desde 1918 a 1968, xa que a historia de Lugo non se pode coñecer ao completo sen entender e comprender a estancia de Ben-Cho-Shey na provincia.

A exposición iniciábase coa recreación do papel de Ben-Cho-Shey na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de 1936 con fotografías e documentos do momento e artéllase en catro apartados: -‘Fotobiografía’, un percorrido cronolóxico pola vida de Ben-Cho-Shey con máis dun cento de fotografías e ilustracións; -‘Andar e aguzar, os traballos e os días de Ben-Cho-Shey’: unha recompilación de traballos que mostran as distintas vertentes do seu labor como polígrafo, cunha ampla información gráfica, bibliográfica e documental; -‘O Partido galeguista en Lugo 1931-1936’: a constitución do Partido Galeguista en Lugo e o seu avance e consolidación na etapa en que Ben-Cho-Shey preside o Grupo local, con documentos inéditos. -‘Sociedade e cultura en Lugo 1918-1968’, unha cronoloxía da vida social e cultural de Lugo, nos 50 anos claves da traxectoria vital e intelectual de Ben-Cho-Shey, acotada por dous anos simbólicos: o 1918 no que se celebra en Lugo a Asemblea Nacionalista auspiciada polas Irmandades da Fala e o 1968, ano de efervescencia política e cultural, no que Ben-Cho-Shey declara no TOP (Tribunal de Orden Público) a favor de tres mozos lucenses detidos en Madrid a finais do ano anterior pola campaña “Libertade pra Galicia”.

Blogue sobre a exposición
A área de Cultura da Deputación e o Museo Provincial puxeron en marcha un blogue dedicado a esta mostra e no que se foi dando conta dos diferentes obradoiros sobre este ilustre galeguista, de traballos, ensaios e relatos de Ben-Cho-Shey, así como de documentos orixinais que proban o seu labor a prol de Galiza e o seu paso por Lugo.
O interese suscitado pola figura de Ben-Cho-Shey non so queda reflexado no número de visitantes, senón no número de visitas que recibiu este blogue e que se sitúa entre os vinte máis visitados de toda Galiza nos últimos meses.

Exit mobile version