Partirá, ás 11 da mañá do día 16 deste mes de maio, da Avda Bos Aires, para logo facer un percorrido polo casco histórico. O festival final terá lugar na Praza da Catedral. Nel actuarán alumnos e alumnas dos centros, o actor Pepe Penabade e a cantante Lidia Botana, unha das gañadoras do concurso Cantalingua.
Participarán algo máis de 1000 alumnas e alumnos de practicamente todos os centros de secundaria: os IES de Ribadeo, IES de Foz, Alfoz-Valadouro, Perdouro, Monte Castelo, Illa de Sarón e María Sarmiento. Tamén participan os de infantil e primaria: CEIP de Cervo, o Colexio Martínez Otero, o CEIP San Miguel de Reinante, o CEIP O Cantel, o CEIP Fondo Nois, E, por suposto, os centros do concello anfitrión, o CEIP Álvaro Cunqueiro e o IES San Rosendo.
O Concello de Mondoñedo, ademais de colaborar para que todas as actividades discorran á perfección, editou unha guía especial para a ocasión, co percorrido da marcha e a sinalización dos lugares emblemáticos que van ser vistos ao paso da mesma.
Son moitas as persoas e entidades que fan posíbel o Correlingua. Para empezar, os Equipos de Normalización Lingüística dos centros educativos e, para seguir, aquelas institucións que fan achegas económicas ou materiais: o propio Concello de Mondoñedo, a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, os Concellos de Ourense, Vigo, Pontevedra e Lugo, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-pedagóxica Galega e o sindicato CIG-Ensino.