Máis de 300 padexeiros e padeeiras de 37 equipos tomarán a saída este sábado 1 de xuño en Rábade
Un total de 37 equipos, 30 galegos e 7 do resto do Estado, participan nesta proba, a segunda máis antiga das que se celebran en España despois do Descenso Internacional do Sella, dando cabida a máis de 300 padexeiros e padeeiras, repartidos nas categorías sénior, xuvenil e cadete e tamén facendo fincapé, tal e como destacaron os organizadores, que é unha proba das pioneiras en incluír a participación feminina en embarcacións de equipo.
Neste senso, Mario Outeiro explicou que “desde os seus comezos, esta cita deportiva esperta un gran interese entre as e os lucenses, de forma que contribúe en gran medida á difusión e popularización deste deporte na cidade. Pódese afirmar que a Copa Miño serviu de escola ás distintas xeracións do piragüismo de Lugo e que en parte, grazas á tradición, afección e categoría desta proba, a cidade foi considerada durante décadas como unha dos berces do piragüismo nacional e Estatal”.
O percorrido da proba mantense como en edicións anteriores, de maneira que os deportistas sairán dende Rábade ás 5 da tarde do vindeiro sábado 1 de xuño, pasarán polo concello de Outeiro de Rei e finalizarán nas instalacións do Club Fluvial en Lugo arredor das 6 e cuarto da tarde, completando o percorrido de 17 kms.
“A organización da Copa Miño de Piragüismo conta co apoio da área de Deporte da Deputación, mostra do noso compromiso con este deporte. Proba diso e o continuo traballo que desempeñamos de cara á súa revitalización na cidade de Lugo e na súa provincia, levando a cabo medidas como a posta en marcha da Copa Deputación de Piragüismo que este ano acada a súa terceira edición e que está a ser todo un éxito a nivel de participación, ou o arranxo da escola de piragüismo da nosa titularidade onde se organizan cursos de iniciación ao piragüismo, de maneira que as crianzas poidan familiarizarse con esta modalidade deportiva dende idades temperás”, concluíu Outeiro.