Os Aventados celebran as Letras Galegas 2013 o sábado 18 de maio ás 20:00h na Casa da Cultura do porto de San Cibrao coa lectura ante o público de poemas de Rosalía de Castro e música a cargo do Grupo de Improvisación do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro, dirixido polo profesor, Lino Rico Pérez, maestro de piano, acordeón e compositor. Dende o colectivo recordan que este 2013 resulta un ano moi prolífico en acontecementos culturais; xa que ademais dos centenarios de dous grandes músicos: Wagner e Verdi e os 150 anos da publicación da obra que inaugura o renacemento da cultura galega “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro, a RAG dedica á este ano o Día das Letras Galegas ó compostelán Roberto Vidal Bolaño, que dedicou a súa vida á literatura e, sobre todo, ó teatro. Así, a cita dos Aventados coa cultural en xeral contará co patrocinio do Concello de Cervo, a Deputación de Lugo e os voluntarios da Fundación Alcoa.