González Barcia fixo esta afirmación durante a rolda de prensa de presentación da XV edición da Feira Monográfica Náutico Pesqueira Expomar, que se celebrará na nave de redes do porto de Burela os días 23, 24, 25 e 26 do presente mes de maio.
O alcalde burelés, que lembrou que a feira como tal comezou a realizarse en 1994, e que ten carácter bianual desde 2007, considera “altamente positivo que na situación actual de crise económica contemos a estas alturas con máis firmas e máis expositores que hai dous anos; isto demostra que temos un recoñecemento sobresaínte entre o sector”.
O presidente da Fundación Expomar asegurou que “a feira demostra o dinamismo do sector pesqueiro, clave non só para a economía local e mariñá, senón para a economía provincial. Non podemos esquecer que ABSA en Burela e Porto de Celeiro son dous puntais económicos fundamentais cun enorme valor engadido”.
González Barcia manifestou que “se algo caracteriza a Expomar, é a aposta polos avances tecnolóxicos. Esta feira é o mellor escaparate que hai no norte de España para coñecer e avaliar os avances tecnolóxicos aplicados ó mundo da pesca e coñecer e avaliar a aplicación das novas tecnoloxías á actividade pesqueira”.
González Barcia fixo un recoñecemento e agradecemento públicos ó traballo e aportacións feitas polos membros do Padroado da Fundación Expomar, organizadora do evento: Confraría de Pescadores, Armadores de Burela, Concello de Burela, Armón…. “Con especial mención para astilleros Armón, que este ano celebran o seu cincuenta aniversario, na convicción que o fan coa mesma ilusión coa que arrancaron a súa actividade e, o que é o máis importante, con carga de traballo presente e futura. Quero destacar a sempre desinteresada colaboración de Armón coa Fundación EXPOMAR, con lembranza significativa para a edición de 2006”.
O alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar indicou que “a feira tense convertido nun dos foros de debate máis interesantes dentro do mundo da pesca. As Xornadas Técnicas e os Encontros Profesionais son dous instrumentos fundamentais para potenciar ese debate sobre os problemas do sector pesqueiro, o estado dos recursos, as cotas, a Política Pesqueira Común, as tripulacións mínimas, etc. Serven de punto de encontro entre as administracións con competencias en materia pesqueira e o sector. As súas conclusións son analizadas e tamén en boa parte tomadas en consideración á hora de deseñar as estratexias en materia de política pesqueira”.
Barcia asegurou que “nesta edición, estou seguro que os debates tamén serán frutíferos e positivos, porque hai asuntos moi importantes sobre da mesa e das solucións que se apliquen dependerá en boa medida a saúde do sector. Un sector que nestes momentos ten claro, e nós desde o Concello e desde a Fundación tamén, que hai que manter os postos de traballo e as empresas pesqueiras. Persoalmente entendo que non é o momento de grandes cambios senón de deixar pescar, iso si, respectando as pautas legalmente establecidas, pero sen chegar a situacións de extrema rixidez”.
José María González Barcia agradeceu a presenza do Subdelegado do Goberno, da Delegada da Xunta e doutros representantes institucionais, así como dos membros do Padroado da Fundación Expomar presentes na rolda de prensa. E destacou “a colaboración técnica e económica fundamental da Consellería de Medio Rural e Mar. A súa titular, Rosa Quintana, coñece perfectamente o que facemos e como o facemos, e sei da súa implicación con Expomar. Quero agradecerlle a súa achega decidida e decisiva ó noso proxecto”.
Tamén agradeceu a achega doutras institucións e entidades a Expomar, e lembrou que o Concello burelés aporta todos os anos, haxa ou non haxa feira, doce mil euros á Fundación.
Finalmente, animou ós lucenses a acudir a Burela os días 23, 24, 25 e 26 de maio, “aínda que antes teñen unha dobre cita este sábado, día once; unha, durante todo o día na nave de redes co encontro anual de palilleiras e encaixeiras de toda Galicia, un evento coorganizado pola Fundación EXPOMAR e que cada ano acolle máis participantes e visitantes. E unha segunda cita, tamén o sábado, ás oito da tarde, no Pavillón Vista Alegre, xa que as rapazas do Burela Fútbol Sala feminino estou seguro que serán campioas da liga de división de honor nacional; agora xa o son moralmente, pero o sábado seguro que marcarán esa data con letras de ouro no deporte burelés, no lucense e no galego. Campioas xa, si ou si, a deixarse a pel na cancha. Contan co ánimo e empuxe de todos”.