Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela chama aos afeccionad@s ao fútbol sala a asistir ó partido Burela FS – Navalcarnero

Burela, 10 de maio de 2013. O Burela FS podería converterse este sábado en campión de liga da división de honra do fútbol sala feminino. Será si as burelesas vencen ao Navalcarnero. O alcalde, José Mª González Barcia, asegura que se trata de todo un acontecemento deportivo para a provincia de Lugo e para o resto de Galicia e fai un chamamento público aos veciños e veciñas de Burela para que acudan a ese encontro. Pase o que pase o Concello ofrecerá unha recepción oficial ao Burela FS. A data está por determinar.

O rexedor fixo un chamamento público “a todos os afeccionados ao deporte para que asistan a este importante encontro, sabendo que as xogadoras van deixar a pel na cancha e sabendo tamén que todas as persoas que alí esteamos apoiaremos a morte ás rapazas do Burela FS para que poidan acadar ese campionato de liga. Un título que será un recoñecemento enorme para elas porque é unha consecución dunha grande relevancia e dunha grande trascendencia”.

González Barcia indicou que “se consiga un resultado ou outro o Concello de Burela ofrecerá una recepción oficial ás xogadoras do equipo de fútbol sala, porque o papel feito ao longo desta tempada e incluso as anteriores así o merece. Moitísimo ánimo, o campionato seguramente xa o temos máis ao alcance agora que hai unha semana. E a gañar, que é do que se trata”.

O partido que disputarán o Burela FS e o Atlético de Madrid Navalcarnero será ás 20 horas e poderá seguirse pola TVG2.

Exit mobile version