Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Foz propuxo aos grupos da oposición dúas novas alternativas para situar a depuradora de augas residuais

Foz, 15 de maio de 2013. Na xunta de portavoces celebrada hoxe o alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, propuxo aos grupos da oposición dúas novas alternativas para situar a depuradora de augas residuais: unha é no polígono industrial e a outra está nunha zona de Forxán limítrofe coa parroquia de Fazouro. O rexedor tamén falou da necesidade de aprobar en pleno a modificación da ordenanza fiscal da axuda a domicilio para dependentes para non perder unha subvención da Xunta duns 300.000 euros.

Javier Castiñeira explicou que na reunión da xunta de portavoces tratou de “achegar posturas coa oposición en temas importantes para Concello e preparar o próximo pleno do mes de maio”.

O primeiro que o alcalde puxo enriba da mesa foi a ubicación da depuradora e para tratar de desbloquear este asunto propuxo “dúas alternativas máis posto que as que había inicialmente, Sarrido e Forxán, non contan co apoio da oposición. Tratamos de buscar algunha opción máis, sen que sexan definitivas dende logo. Unha é no polígono industrial, cos seus proles e os seus contras, e outra é en Forxán, no límite coa parroquia de Fazouro, que é unha zona bastante exenta de vivendas. O noso afán, dende logo, é tratar de que os grupos da oposición se decanten por algunha das solucións. Tiñamos dúas opcións, Forxán e Sarrido (en Fazouro) e agora hai outra en Fazouro, no polígono industrial, e outra máis en Forxán, no límite con Fazouro”.

Castiñeira tamén propuxo “poñer unha data para facer unha visita á depuradora de Ribadeo, que é parecida á que se instalaría en Foz, para tratar de avanzar neste sentido”.

O rexedor focense considera que é necesario “tratar de desbloquear este tema, porque hai un problema enorme en Foz coa depuración. Vai chegar o verán novamente e imos seguir tendo os mesmos problemas de falta de capacidade na depuradora actual. A nosa obriga é tratar de resolvelo e esperemos que o grupo socialista, Unifoz e o BNG teñan a ben aceptar algunha das dúas opcións novas que pon o goberno municipal do Partido Popular enriba da mesa e poidamos formularlle a Augas de Galicia unha proposta de implantación o antes posible”.

Nesta xunta de portavoces o alcalde tamén mostrou aos grupos da oposición “o desexo do goberno local de levar novamente a pleno a ordenanza fiscal na que se modifican os prezos de atención a domicilio para a dependencia, xa que a Xunta de Galicia obriga a actualizala, como están facendo todos os Concellos. Temos que ter en conta que se non se actualiza antes do mes de setembro é probable que perdamos a subvención para o financiamento dese servizo, que é practicamente do 90 por cento, e polo tanto a responsabilidade evidentemente sería dos grupos que non a aprobasen”, explicou Javier Castiñeira.

O rexedor manifestou que “hai que ter máxima responsabilidade neste asunto, que non se aprobou no anterior pleno pero queremos volver levalo porque é obrigatorio para todos os Concellos adaptarse á nova lei. É certo que hai unha baremación nova á hora do pago no servizo de atención a domicilio no que respecta á dependencia, pero hai que tratar de cumprir a lei e se non se cumpre perderíase unha subvención que rolda os 300.000 euros e hai moita xente detrás, pois son máis de 50 dependentes aos que afecta esta subvención. Polo tanto é o noso desexo levala novamente a pleno e a partir de aí tratar de contratar novamente ese servizo as empresas que se presenten a ese concurso, como tamén se lles avanzou aos grupos da oposición”.

Exit mobile version