Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG convoca unha concentración este luns ás 20:30 diante do Hospital da Costa polo dereito ao aborto libre e gratuíto

Este é o acto de presentación da campaña “O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto”
Os nacionalistas aseguran que é fundamental garantir o dereito ao aborto de todas as mulleres no Hospital da Costa.

O Bloque Nacionalista Galego na Mariña bota a andar a campaña “O noso corpo, a nosa decisión. Aborto libre e gratuíto”. Con esta campaña preténdese transmitir á cidadanía a necesidade de defender o dereito que historicamente as mulleres conquistaron e a exixencia de que as mulleres que o así decidiren poidan abortar en condicións dignas e cunhas garantías sanitarias óptimas. “A proposta de reforma do PP, avalada e impulsada de xeito entusiasta pola Conferencia Episcopal responde a posicións ideolóxicas da dereita máis reaccionaria que ataca os dereitos das mulleres e nega o control das súas vidas e dos seus corpos”, explican desde o BNG. “Existe tamén un forte compoñente económico neste debate, pois sobre todo el sobrevoa a idea de que as mulleres deben regresar aos papeis tradicionais de nais e coidadoras, de tal maneira que se faga recaer nelas todos os servizos que o Estado deixa de prestar co desmantelamento da Lei de dependencia, as escolas infantís e os servizos públicos.”

Neste sentido, desde o BNG defenden que “é fundamental que as mulleres teñan garantido ese dereito tamén na Mariña, algo que a día de hoxe non se dá no Hospital da Costa. Polo que é preciso que se dote ao hospital dos medios técnicos e humanos precisos para garantir este dereito das mulleres.”

O BNG anima a toda a cidadanía a asistir a esta convocatoria, a todos os colectivos que levan anos nesta loita e fai un “chamamento para saírmos á rúa, homes e mulleres, convencid@s da necesidade de rebelarse contra as decisións que nos queren impoñer contra a nosa vontade.”

Exit mobile version