Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña alerta de que o peche do xulgado de Mondoñedo decretará a “morte económica e social da vila”

Mondoñedo, 30 de maio de 2013. No marco da campaña “Non é unha crise, é un roubo!”, unha delegación de membros do Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña, encabezada polo viceresponsábel comarcal, Xoán Antón Estúa, e o alcalde de Mondoñedo, Orlando González, informou esta mañá aos mindonienses sobre as consecuencias da reforma da Lei de Plantas proposta polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, e cuxa aprobación suporá a supresión do Partido Xudicial de Mondoñedo e o feche do xulgado da vila. Medida que para Estúa “non só provocará o alonxamento da xustiza do pobo e contribuirá a colapsar unha administración que xa está desbordada, senón que conlevará un impacto incuantificable para a economía local. O feche do xulgado de Mondoñedo decretará a morte da vida económica e social da vila, deixando sen futuro a ducias de traballadores.”

Os nacionalistas afirman que a proposta de reforma xudicial do Goberno central encádrase na serie de políticas que o Partido Popular, tanto desde o Estado como desde a Xunta de Galiza, está impulsando para deixar sen servizos aos veciños e veciñas dos concellos do rural e para que estes núcleos de poboación acaben desaparecendo como tal. “Para os populares so teñen dereito a acceder aos servizos sanitarios, educativos, tributarios e xurídicos as persoas que viven nas cidades, mentres o resto ten que superar centos de trabas, como facer até centos de quilómetros coas complicacións familiares, laborais e económicas que iso supón, para poder exercer os seus dereitos.”

“O que vilas como Mondoñedo precisan –continuou Estúa- é plans especiais de reactivación económica. Mondoñedo é unha das vilas do norte lucense que máis está sufrir as consecuencia da crise que provocou o feche de empresa emblemáticas, como por exemplo Aglomerados Ecar, a pesar de que ten potencialidades suficientes, como no eido forestal, para reactivar a súa economía, o cal non é posíbel porque non conta coa axuda e compromiso da Xunta e o Estado.”

O Bloque Nacionalista Galego seguirá defendendo os dereitos dos veciños e veciñas do rural lucense e opoñéndose a todas as reformas do Partido Popular que contribúen ao desmantelamento dos servizos públicos esenciais para rematar privatizándoos. “A decisións Feijóo e Rajoy non son casuais nin teñen que ver con racionalizar e reorganizar a administración, son as políticas que responden a súa ideoloxía e que sempre quixeron implementar.”

Exit mobile version