Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña chama a participar na folga xeral do ensino convocada para o 9 de maio

Ana Ermida acusa ao Partido Popular de hipotecar o futuro dos rapaces e rapazas e da sociedade en xeral.

A Mariña, 7 de maio de 2012. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide aos mariñáns máxima participación nas concentracións que terán lugar o 9 de maio, ás 11:30 horas, na Praza da Mariña de Burela e diante do IES de Ribadeo con motivo da xornada de folga xeral no ensino, convocada por organizacións estudantís, centrais sindicais e asociacións de pais e nais para amosar o seu rexeitamento ao anteproxecto da Lei de Mellora da Calidade do Ensino (LOMCE) e ao desmantelamento do ensino público que está a executar o Partido Popular desde o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza.

Ana Ermida, responsábel da formación nacionalista na comarca da Mariña, chama a manifestarse contra a xa coñecida como ‘lei wertgoña’, á que cualifica de “españolista e clasista” por “sentar as bases para fortalecer o ensino concertado e privado, fomentar a inmersión lingüística en español e incrementar o control do Estado sobre o currículo académico. O diñeiro de todos e todas non pode ser destinado á escola privada e concertada mentres a pública se desprestixia e desintegra progresivamente dun xeito deliberado por parte dos dirixentes populares.”

“Estamos –continúa Ermida- ante unha futura Lei que será lesiva para os rapaces e rapazas en canto pretende establecer categorías de centros con máis e mellores recursos. Deste xeito, haberá centros de primeira e de segunda e só uns poucos centros impartirán unha formación de calidade. O Partido Popular está a hipotecar o futuro dos rapaces e rapazas pero tamén o da sociedade en xeral”.

Para os nacionalista, en Galiza o presidente Núñez Feijóo tamén “está a atentar contra o dereito á educación aplicando recortes que afectan especialmente ás escolas do rural, fechando unidades educativas de intantil e primaria e ciclos formativos como o de comercio en Foz e mecanizados en Viveiro, suprimindo mestres e mestras, até 50 na comarca nos últimos dous anos, xuntando nunha mesma aula e cun único mestre nenos e nenas de diferentes idades, incrementando o prezo dos comedores escolares, suprimindo liñas de autobús escolar ou rematando coa gratuidade dos libros de texto, ademais de reducir entre un 40 e un 50 por cento o orzamento dos centros destinado a material para os rapaces e rapazas.”

Para Ana Ermidada “o único xeito de que o Partido Popular escoite ao pobo é saíndo á rúa e por iso, desde o BNG pedimos a todos os mariñáns que participen na mobilización prevista para o vindeiro xoves en contra dos recortes e a prol dunha educación pública de calidade.”

Exit mobile version