Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña demanda ao Goberno que converta as vivendas do Sareb en pisos de protección oficial

rDSC_9512A Mariña, 16 de maio de 2013. No marco da campaña iniciada polo Bloque Nacionalista Galego ‘Non é unha crise, é un roubo!’ para informar e mobilizar ao pobo fronte ás políticas de desgoberno do Partido Popular que están a provocar cada vez máis desigualdade e pobreza, Ana Ermida, responsábel comarcal da formación nacionalista e outros membros da organización, analizaron, esta tarde, en San Miguel, as consecuencias da especulación urbanística na Mariña.

Para Ermida, “na comarca existen varios exemplos de edificios a medio facer cuxas licenzas se outorgaron en pleno auxe do sector inmobiliario e que hoxe son símbolo do que foi a burbulla especulativa que se xerou ao redor dun modelo económico que xa o BNG denunciou no seu momento por considerar que era pan para o presente e moitos días de fame para o futuro; algo que a realidade está a confirmar.”

“A orixe da burbulla inmobiliaria –insistiu- cuxas consecuencias están a pagar agora o pobo, está vinculada a un modelo de negocio financeiro tamén especulativo e inmoral, á lexislación urbanística neoliberal, que ten como referente a reforma Rato, aprobada en 1.997, e á política dos gobernos municipais, tanto do Partido Socialista como do Partido Popular”.

Neste senso, desde o Bloque Nacionalista Galego demandan asunción de responsabilidades aos alcaldes da Mariña que actuaron como axentes activos desta burbulla especulativa e como auténticos promotores inmobiliarios. “Trátase de alcaldes que teñen responsabilidade, no mellor dos casos política, na situación de crise actual e en que as consecuencias desta burbulla sexan máis severas na nosa comarca. En gran medida son os responsábeis de que a Mariña pasase de ser a Marbella galega e o epicentro do urbanismo lucense, a ser a capital da crise e do desemprego. Hai que lembrar que en 2007 o negocio inmobiliario supuxo o 21 por cento do Produto Interior Bruto dos 17 concellos da Mariña e que hoxe a comarca roza os 6.000 parados.”

A vivenda segue a ser un problema

Dese o Bloque aseguran que a vivenda continúa a ser un problema na comarca debido a que os prezos aínda non baixaron o suficiente e non se axustan ao poder adquisitivo real da maioría dos mariñáns. “Por iso –sentenciou Ermida- urximos ao Goberno do Estado a que converta as vivendas do banco malo en vivendas de protección oficial. Con esta medida, só no concello de Foz ofreceríanse 237 vivendas que pertencen á Sociedade de Xestión de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria (Sareb).”

Exit mobile version