A Mariña, 14 de maio de 2013. Ana Ermida, responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), ven de anunciar que a súa formación presentará no Congreso dos Deputados, a a través da deputada Olalla Fernández Davila, unha iniciativa na que reclamará ao Goberno do Estado o mantemento de todas as unidades xudiciais que existen na provincia de Lugo: A Fonsagrada, Becerreá, Sarria, Chantada, Monforte, Mondoñedo, Vilalba e Viveiro.
Os nacionalistas amosan deste xeito o seu rexeitamento á proposta do ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, coa que pretende centralizar a actividade xudicial nas capitais de provincia, neste caso en Lugo. Ermida afirma que “esta medida, que deixaría un único partido xudicial por provincia, non ten sentido nun país coma Galiza caracterizado pola dispersión poboacional. “
“O Partido Popular –continua a responsábel comarcal do BNG- emprendeu unha reordenación dos servizos sanitarios, de facenda e dos servizos de xustiza, que provocará que os cidadáns, para poder facer uso dos seus dereitos, teñan que desprazarse moitos quilómetros, co consecuente trastorno persoal, familiar, laboral e económico que iso supón. Os dirixentes populares están a negar á cidadanía das comarcas uns servizos que son necesarios para todos. Todas as reformas do Goberno do Estado e a Xunta de Galiza responden a unha estratexia de desmantelamento dos servizos públicos do rural. “Non queremos que a Mariña dependa de Lugo, somos unha comarca con entidade propia e con poboación suficiente para que todos os servizos se poidan prestar desde aquí.”
Xulgado de Ribadeo
Fronte aos plans do Goberno central, desde o Bloque continúan apostando por acercar os servizos á cidadanía, polo que volven a reivindicar a recuperación do xulgado de primeira instancia de Ribadeo; petición que incluso o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xa apoiou no 2004.