Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz acusa ao PP de non facer nada para ampliar as prazas nas escolas infantís do Concello

Foz, 29 de maio de 2013.- O BNG de Foz lamenta profundamente que un ano máis no noso Concello moitos nenos e nenas se quedarán sen praza nas escolas infantís de Foz e acusa ao PP de non facer absolutamente nada para resolver esta situación. Unha vez publicadas as listas definitivas de admitidos nas dúas escolas infantís que existen no Concello, temos que denunciar o número tan alto de nenos e nenas que non puideron acceder a unha praza e quedaron excluídos. Este ano quedaron fóra 47 nenos e nenas, un número superior ao doutros anos e que representa case o 50% de toda a comarca da Mariña, que foron en total 92 nenos e nenas.

Para o BNG, resulta moi esclarecedor que o PP desde a Xunta non movera un dedo para resolver o problema da falta de prazas en educación infantil que o noso Concello arrastra desde hai anos porque indica que lle preocupa pouco ou nada. Pero tamén é cómplice o alcalde e o grupo de goberno por non ser capaces de esixir e negociar unha saída a esta situación, por non facerse valer e defender os intereses de Foz, supoñemos que “por non molestar”. “Se as persoas do PP local co alcalde á cabeza non son capaces de xestionar máis prazas de infantil para Foz cando son tan necesarias deberían pensar para que están aí postos” afirma Xan Carlos González Basanta, o portavoz municipal.

En numerosas ocasións o BNG advertiu e denunciou esta situación. Incluso foron varias as mocións aprobadas por unanimidade de todos os grupos políticos no pleno co fin de ampliar as prazas. Tamén o BNG durante tres anos consecutivos presentou emendas aos Orzamentos da Xunta de Galiza para que se habilitara unha aula máis no piso superior da escola infantil do Consorcio. En ningún caso, nin na anterior nin nesta lexislatura, o PP considerou esta emenda chegando á situación que hoxe temos en Foz: unha gran demanda de prazas nas escolas infantís que non se cobren nunha proporción moi alta quedando fóra case o 50% dos nenos e nenas admitidas. Segundo se pregunta Basanta “¿como pode ser que noutros concellos similares ninguén se quede sen praza nas escolas infantís –Ribadeo por exemplo- ou queden nun número moi reducido e en Foz queden tantos?”

O BNG volverá a reiterar a demandar a ampliación de prazas nas escolas infantís porque non é de recibo que queden tantos nenos e nenas sen a posibilidade de poder ter unha atención e unha educación integral desde os seus primeiros anos, ademais de supor para as nais e os pais unha forma de conciliar a súa vida laboral e familiar nun tempo onde estes servizos máis necesarios se fan.

O BNG insta ao PP a acabar con esta política de falsa austeridade que utiliza a crise como coartada para recortar, encarecer, deteriorar e privatizar servizos públicos que con moito esforzo todos e todas conseguimos implantar na nosa sociedade, como foi a rede de escolas infantís que comezaron a funcionar co nome de galescolas por iniciativa do BNG estando no Goberno da Xunta.

Exit mobile version