Foz, 29 de maio de 2013.- O BNG de Foz móstrase en total desacordo coa suba das taxas no servizo de axuda do fogar que o PP pretende aplicar no noso Concello e que o goberno municipal trae xa por segunda vez a pleno. A modificación vén imposta pola aplicación do Decreto 99/2012 polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, que o Goberno de Feijoo aprobara en marzo do ano pasado e ao que o BNG se opuxo porque significa na práctica a desaparición do carácter público e social deste servizo básico.
A Xunta do PP non só segue recortando os orzamentos en materia de servizos sociais (o Plan Concertado no 2012 no Concello de Foz recortou máis dun 70% con respecto ao ano anterior) senón que, con este decreto, desenténdese do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar Básico de todos os concellos de menos de 20.000 habitantes, obrigándoos a que os usuarios e usuarias paguen máis nas súas achegas en forma de copago, ou no peor dos casos, a que os servizos desaparezan e só se manteñan para as persoas dependentes coa prestación asignada no seu Plan Individual de Atención.
A suba nas tarifas pode dificultar a algunhas persoas o acceso ao servizo
O BNG de Foz, unha vez comprobado o que representa a suba nas tarifas do Servizo de Axuda no Fogar nas dúas modalidades ten que manifestar que supón unha nova medida que repercute dobremente o custe dos servizos sociais básicos nos cidadáns e que pode significar que moitas persoas reduzan ou deixen o servizo por non poder pagalo.
Segundo o voceiro do BNG, Xan Carlos González Basanta, se tomamos un exemplo medio dun usuario da axuda no fogar en réxime de libre concorrencia que gañe 700 € ao mes e que necesite 8 horas ao mes do servizo, coa anterior tarifa pagaría 9,23 €/mes mentres que coa tarifa que pretende impor pagaría 18,46, é dicir, o dobre. No caso da modalidade de SAF a dependentes o copago tamén aumenta. No mesmo caso anterior nun caso de grao de dependencia medio, cunha capacidade económica de 700 € que necesitara 40 horas ao mes, tería que pagar sobre 48,8 € ao mes, case 3 € máis que coas anteriores tarifas.
Temos que dicir que todas as tarifas aumentaran xa no Concello despois da privatización deste servizo de axuda no fogar (cos votos favorables do PSOE e do PP e en contra do BNG en xaneiro de 2010), establecéndose en 11,54 € por hora, o dobre do que era antes. O custe do contrato de xestión do SAF a dependentes valorados no Concello de Foz elévase a 318.919,44 € e a pesar de que se atopa vencido a empresa segue a prestar os seus servizos, feito que xa ten denunciado o BNG.
Por todo isto, o BNG vai manter o voto de abstención como no pleno anterior porque a pesar de estar en contra desta lei (que suporá entre outras cousas un maior custe do servizo para os veciños e veciñas de Foz), votar en contra suporía poñer en risco a aportación da Xunta e o mantemento do propio servizo de axuda no fogar no sucesivo, como advirte o informe xurídico. Para levar a cabo outras políticas máis sociais e que non utilice a crise para seguir recortando e encarecendo os servizos públicos é necesario que os gobernos que aproban estas políticas estean de lado da xente, como fai o BNG.