Ermida anima ás mariñás e aos mariñaos a rebelarse contra a situación de desemprego e desmantelamento de servizos públicos provocada pola política dos populares
Coa posta en marcha desta campaña, dende as filas do Bloque pretenden denunciar as prerrogativas e os beneficios que reciben a banca e o grande capital, fronte ás inxustizas e o roubo que sofre a maioría social, a xente do común. Neste senso Ana Ermida “anima a todas as persoas a rebelarse contra esta situación de desemprego, de desmantelamento de servizos públicos e de suba de impostos que só beneficia aos poderes financeiros”.
“Temos que ser nos mesmos os que respondamos ante os continuos ataques que estamos a sufrir por parte dos gobernos do Estado e da Xunta de Galiza. É fundamental que o pobo se organice e haxa unha resposta multitudinaria dos homes e mulleres do noso país para defender os nosos propios intereses: somos máis e temos que xuntarnos, unirnos e rebelarnos contra esta situación para lograr un cambio real das políticas que se están a levar a cabo”, concluíu Ermida.
Asemade, este reparto informativo serviu tamén para anunciar o acto central da campaña “Non é unha crise, é un roubo!” na Mariña, que terá lugar este sábado, 25 de maio, as 20:30 horas, na praza da Fontenova, en Viveiro, e na que participarán ademais de Ana Ermida e Bernardo Fraga, Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, Xulio Vicente, portavoz de afectados polas preferentes, así como persoas afectadas por este produto financeiro.