Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG desmente que Eduardo Chao sexa substituído na agrupación local do Valadouro

Dende a Asemblea Local do BNG Alfoz-Valadouro queremos respostarlle ao sr. Balseiro, secretario provincial do PP, que no canto de preocuparse tanto polo noso concelleiro na Corporación Municipal do Valadouro, debera terse acordado antes do seu compañeiro de filas Lamela, e non abandonalo á súa sorte, enleándoo nunha estratexia errada que o levou á perda da alcaldía.

O sr. Balseiro debera terse acordado antes do Valadouro no que naceu, e facilitarlle ao alcalde do seu partido as dotacións prometidas así como paliar todas as urxentes necesidades que padece o concello, do que só se lembra o PP para vir recadar votos.

Balseiro pretende ocultar o seu rotundo fracaso no Valadouro desviando a atención cara ao BNG local, onde non nos plantexamos substituír a ningún cargo orgánico ou institucional, e moito menos ao noso concelleiro Eduardo Chao, quen levou brillantemente as negociacións cos outros grupos políticos, co único obxectivo de sacar ao concello da parálise e anquilosamento no que estaba sumido, sempre coa defensa dos intereses da cidadanía como premisa.

Recomendámoslle a Balseiro que lea máis, que entre por vez primeira nunha biblioteca e procure un manual de estratexia política, se non desexa seguir sendo o perigo número 1 para os seus propios cargos institucionais, a quen decote pon aos pés dos cabalos (aclarámoslle ao sr. Balseiro que isto é unha metáfora, polo que tamén lle recomendamos a utilización dun dicionario) cando os asesora.

Balseiro non foi profeta na súa terra, e as súas estratexias tiveron como vítima política ao propio alcalde popular, feito que nós, como demócratas, como nacionalistas e por riba de todo como veciños/as do Valadouro aplaudimos, e amosamos a nosa satisfacción e o noso desexo de que este personaxe siga a ostentar a secretaría provincial do PP.

ASEMBLEA LOCAL DO BNG (Alfoz-Valadouro)

Exit mobile version