A Mariña, 28 de maio de 2013. O BNG da Mariña sumarase o sábado 1 á xornada mundial dos pobos contra a Troika onde diferentes colectivos e organizacións sociais teñen previsto actos nas vilas e cidades para denunciar organismos como a Troika comunitaria que ao marxe de calquera control democrático ordena medidas que afogan as maiorías sociais e serven unicamente aos ditados do gran capital especulativo. Os nacionalistas convidan a sumarse a esta concentración que terá lugar o sábado 1 de xuño ás 12:30 na Praza de Abaixo de Ribadeo a todos aqueles colectivos ou persoas que compartan esta postura crítica.
Os e as nacionalistas Denunciamos desde o comezo o que ía supoñer: unha política económica letal para o desenvolvemento endóxeno dos diversos pobos e unha política monetaria ao servizo do capital financeiro, desentendida das diverxencias socioeconómicas reais que ía enxendrar ou agravar.
Opuxémonos, por iso, no 1986 á entrada na CEE, denunciamos no 1992 o Tratado de Maastricht e pedimos abertamente, no 2005, o voto en contra no referendo sobre o Tratado para a Constitución Europea. Do Mercado Común Europeo á Comunidade Económica Europea á actual Unión Europea, esta Europa que nos venden como única posibilidade para o progreso e o benestar foi simplemente iso, un mercado ao servizo da grande banca e do grande capital, a estrutura que adopta no noso continente o capitalismo globalizado.
Participamos e chamamos a participar desta mobilización europea dos pobos contra a Troika desde o convencemento de que é preciso darmos unha resposta galega e popular ao roubo da banca, da UE e do PP. Cómpre poñer nas mans do pobo e dos gobernos as decisións políticas, hoxe secuestradas polos mercados. Cómpre gañar mos soberanía para poder tomar decisións políticas en función dos intereses e necesidades das maiorías sociais. E cómpre rompermos a dependencia económica e a subordinación política de Galiza para garantir o noso desenvolvemento económico, social e cultural.