Site icon Crónica3.com A Mariña

Xogadoras, equipo técnico e directivos do Burela FSF foron recibidos na Deputación polo seu título de liga

rIMG_3117Lugo, 14 de maio de 2013. O nacionalista Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, recibiu esta tarde na Deputación de Lugo ás xogadoras, equipo técnico e directivos do Burela FS Feminino, que veñen de proclamarse campións da liga de Primeira División Feminina. Antonio Veiga deulle persoalmente os parabéns ás xogadoras e afirmou que “o Burela FS Feminino vén de facer historia ao ser o primeiro equipo lucense de deporte colectivo que gaña o título nunha competición a nivel estatal. O mérito do acadado por estas rapazas é inmenso, mais tiña que ser así, que a maior alegría para Lugo dun deporte de equipo viñese da man dun conxunto feminino”.

Na recepción oficial, na que tamén participaron os portavoces dos partidos políticos representados na Deputación, Antonio Veiga dirixiu unhas palabras de agradecemento “a estas rapazas e mulleres “mariñeiras” do Burela FSF que moven o balón con tanta destreza como moitas mulleres burelás e mariñás moveron con sacrificio os bonitos no porto ou nas conserveiras, construíndo día a día a Burela que hoxe coñecemos”.

Para a Deputación, e para as áreas de Deporte e Igualdade, este triunfo do Burela FSF supón un acontecemento moi especial: dunha banda vemos recoñecida a máxima potencialidade dun deporte que apoiamos desde a nosa postura de apoio máximo aos equipos de base e femininos, que cun equipo modesto de medios e dun pequeno concello de pouco máis de 9.000 habitantes, consegue situarse no mais alto do deporte estatal; e doutra banda supón un recoñecemento a todo o traballo feito por poñer o deporte feminino á altura que se merece. E por suposto, parabéns á afección laranxa que tamén contribuíu dun xeito determinante para que o fútbol sala feminino en Galiza teña un nome: Burela FSF.

Exit mobile version