Site icon Crónica3.com A Mariña

O claustro do IES de Foz felicita ao ex alumno, Diego Martínez Santos, gañador do premio ao mellor mozo físico experimental de Europa

O claustro do IES de Foz felicita ao seu exalumno, Diego Martínez Santos, que acaba de acadar o premio ao mellor mozo físico experimental de Europa polos seus traballos no experimento LHCb do gran colisionador de Hadróns, concedido pola Sociedade Europea de Física.

Así, recordan que “este recoñecemento europeo ao seu brillante historial académico contrasta coa actitude da Secretaría de Estado para a investigación, que considerou que o currículo do mozo investigador non da a media necesaria para ser incluído no programa Ramón y Cajal destinado a favorecer o retorno a España dos mellores talentos científicos que están a traballar no estranxeiro”.

Desta maneira, Diego terá que seguir a traballar en Holanda, no Nikhef de Ámsterdam, “agardando que algún día o goberno do Estado demostre que o seu compromiso coa investigación e cos investigadores do país é algo máis que palabras baleiras de contido”, apuntan.

O claustro dirixirase á Secretaría do Estado para a Investigación para “mostrarlle a súa extrañeza polo rexeitamento do currículo do mozo investigador e para solicitar que tome as medidas necesarias para promover o retorno ao noso país de todos os mozos científicos que se ven obrigados a emigrar por falta de oportunidades de traballo na súa terra, non sobrada precisamente de talento investigador”.

Exit mobile version