Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Barreiros acondicionou a estrada de acceso ao monte Comado para practicar o parapente

Foto Barreiros parapenteBarreiros, 31 de maio de 2012. O Concello acondicionou a estrada de acceso ao monte Comado para que os afeccionados ao parapente poidan practicar este deporte desde esa zona. O alcalde, Alfonso Fuente Parga, dixo que era difícil subir incluso en todoterreo, pero onte remataron os traballos que permiten chegar a esa zona en coche. Foron dúas asociacións as que se dirixiron ao rexedor para demandarlle o arranxo dese acceso.

Alfonso Fuente explicou que “en Barreiros tomamos a decisión de arranxar o camiño que sube a Comado. Hai anos que os afeccionados ao parapente e á ala delta utilizan esa zona para facer os despegues e voar sobre a costa luguesa e hai uns días chamáronme desde dous asociacións, e incluso subín con eles e vin como se tiraban desde alí. Tiveron que acceder desde Remourelle porque ese camiño era intransitable e incluso se facía moi difícil chegar alí en todoterreo”.

O rexedor barreirense indicou que “onte remataron os traballos de acondicionamento dese camiño e incluso se pode subir cun turismo e desfrutar da paisaxe que se pode ver desde Comado. E sobre todo porque estas asociacións están vendo a posibilidade de organizar tamén algún campionato, algún concurso de saltos desde ese monte. Todo o que veña para Barreiros benvido será e por iso houbo que meter unha máquina aí para arranxar ese camiño”.

Curso
Barreiros acollerá un curso de auxiliar de enfermería no ámbito xeriátrico. Está organizado por Afamer e conta coa colaboración do Concello. As persoas interesadas en participar poden inscribirse no departamento de Servizos Sociais. O curso terá unha duración de 70 horas e impartirase de 16 a 20 horas de luns a venres. Dará comezo ao longo do mes de xuño.

Exit mobile version