Burela, 17 de maio de 2013. O Concello enviou a Augas de Galicia o proxecto de encauzamento do regato do río Perdouro para que o informe favorablemente, segundo asegurou esta mañá o alcalde, José Mª González Barcia. Trátase dun paso importante “para despois incorporalo á documentación do PXOM de cara á súa aprobación provisional e así esta zona estaría incluída no planeamento urbanístico do noso concello”.
O rexedor burelés lembrou que “como xa é sabido o pleno do Concello de Burela aprobou na súa sesión celebrada a finais do pasado mes de marzo o proxecto de encauzamento do regato do río Perdouro, que suporá poder unir a zona do Perdouro coa zona prevista no PXOM para ampliación do Hospital da Costa. Este proxecto facilitará a comunicación entre estas dúas zonas e posibilitará de forma evidente a ampliación das prazas de aparcamento do hospital, en caso de que fose preciso, e o establecemento dunha vía de comunicación dentro do interior da bolsa de solo do Perdouro a desenvolver como posible parque empresarial”.
González Barcia indicou que “este proxecto ten un presuposto de 1.200.000 euros. Non é unha obra que se vaia acometer con carácter inmediato, pero o que si é certo é que había que facer unha serie de trámites. O primeiro foi incluílo dentro do Plan Xeral e así o estaba na documentación aprobada inicialmente en marzo do 2012. O segundo paso foi elaborar o proxecto e levalo a pleno, algo que se fixo na sesión que tivo lugar o pasado mes de marzo, a continuación estivo exposto ao público e non houbo alegacións e agora ao non haber alegacións o que ten que facer o Concello, e é o que fixo esta semana, é trasladarlle a Augas de Galicia este documento para que o informe favorablemente e deste xeito a partires de aí se incorporará á documentación do PXOM de cara á súa aprobación provisional e despois esta zona estaría incluída no planeamento urbanístico do noso concello”.
O alcalde de Burela sinalou que “esta non é unha inversión que se vaia a facer agora mesmo. Sabemos e somos conscientes de que se trata dun investimento moi elevado, 1.200.000 euros, o Concello non se pode facer cargo desta obra, pero o que si é certo é que si esta actuación non se contempla dentro do planeamento urbanístico do noso concello estaríamos cometendo unha enorme irresponsabilidade porque condenaríamos a dúas zonas, á do Perdouro e á da ampliación do hospital a estaren incomunicadas alomenos durante outros 35 ou 40 anos”.
“Aínda sendo conscientes de que conseguir a financiación non vai ser fácil, o que si é certo desde un punto de vista administrativo e urbanístico esta actuación si debe contemplarse no PXOM de Burela e de aí todos os pasos que estamos a dar. Logo despois cando o plan xeral se aprobe definitivamente é cando empezaremos a pensar na financiación para levar adiante esta obra, pero antes temos que dar outros pasos e iso é o que estamos a facer”, dixo José MªGonzález Barcia.