Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela non recibiu alegacións ó anteproxecto de construción de vestiarios no campo de herba artificial

Nos vindeiros días remitirase á Xunta o expediente para tramitar a correspondente autorización.

Beatriz Piñeiro e Manuel Fernández Valle son cautos sobre a fixación de prazos.

Burela, 9 de maio de 2013. O prazo de exposición pública do anteproxecto de construción duns vestiarios e servizos no campo de herba artificial da Marosa rematou o pasado luns, día seis de maio, sen que se teña recibido ningunha alegación ó mesmo, segundo anunciaron hoxe a concelleira de Deportes Beatriz Piñeiro e o concelleiro de Obras Manuel Fernández Valle.

Segundo indicaron os dous edís, “logo da aprobación do anteproxecto pola xunta de goberno local, este era o paso seguinte na tramitación do expediente. Agora, toca pechar a documentación no Concello para enviala á Xunta de Galicia, concretamente á Consellería de Medio Ambiente, para que informe se procede ou non conceder a pertinente autorización para a realización desta obra, que entendemos como complemento ás instalación xa existentes”.

De todos os xeitos, Piñeiro e Valle matizaron que “o solo onde se pretende ubicar esta dotación complementaria é solo rústico de protección de costas, e os usos do mesmo son moi limitados, polo que a tramitación pode ser complexa e algo prolongada no tempo”.
Os edís de Deportes e de Obras indicaron que “non se pode fixar ningún tipo de prazo, temos que ser moi cautos. O que hai que facer é un bo traballo, ou sexa, elaborar o expediente con moito detemento e precisión”. E precisaron que “o expediente será enviado á Xunta dentro deste mesmo mes”. O investimento previsto é de cen mil euros, “que non imos executar sen ter as debidas autorizacións da Xunta de Galicia”.

Exit mobile version