Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo popular asegura que as propostas de AGE en materia de loita contra incendios forestais levarían ó desmantelamento do servizo e á vulnerabilidade dos montes galegos

José Manuel Balseiro lamenta que a oposición incida na discrepancia e non aproveite a ocasión para formular iniciativas construtivas para mellorar as políticas de prevención e extinción.

Os populares insisten en que a Xunta ten que aproveitar todos os recursos e colaboracións dispoñibles, sen ningún tipo de excepción, na loita contra o lume.

Santiago, 15 de maio de 2013.- O deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, dixo que aprobar a moción formulada onte no pleno do Parlamento de Galicia polo grupo de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), en relación coa política a desenvolver en materia de loita contra os incendios forestais, suporía “o desmantelamento deste servizo e, polo tanto, deixar en situación de vulnerabilidade aos montes galegos”.

O deputado popular lamenta a falta de iniciativas construtivas desde os grupos da oposición xa que gran parte das propostas formuladas por AGE e apoiadas por PSOE e BNG xa foron debatidas tanto en Pleno como en Comisión sen posibilidade de acordo. “Insisten na diverxencia, no que nos separa, en reiterar cuestións nas que non podemos coincidir por pura responsabilidade, como por exemplo cando cometen o disparate de pedir que na loita contra os lumes empreguemos exclusivamente medios da Xunta”-dixo Balseiro.

Balseiro dixo que o Goberno galego ten que aproveitar “todos os recursos e colaboracións dispoñibles na loita contra o lume, sen ningún tipo de excepción” e lembrou a “eficacia demostrada” dun operativo que hoxe conta coa axuda do exército, dos apoios que pon á disposición o Ministerio, as brigadas forestais, “ou incluso de medios especializados como os avións de carga en terra, dos que a Xunta pode facer uso, grazas á colaboración público-privada”.

Balseiro volveu a insistir en que contar con estes apoios é “imprescindible” e renunciar a eles “suporía aumentar o risco e diminuír a eficacia na loita contra o lume”. Dixo tamén que o feito de que haxa distintos medios e persoal participando nos operativos para facer fronte aos lumes forestais non implica ningún tipo de descoordinación. “Todo o contrario, corriximos esta situación herdada cando o PP impulsou unha reforma normativa para situar ao director técnico de extinción, como o máximo responsable dos traballos a desenvolver en caso de incendio e como mando único operativo”.

MÁIS RECURSOS
Balseiro tamén replicou ás críticas de AGE sobre o financiamento das políticas de prevención e extinción de incendios lembrando que o seu apoio económico “está blindado e sitúase en niveis orzamentarios similares a 2012”. Lembrou a irresponsabilidade e as continuas contradicións dos grupos da oposición que chegaron a apoiar unha emenda socialista pedindo un recorte de 2 millóns de euros no orzamento deste servizo.

O deputado popular tamén salientou que en 2013 o Goberno galego decidiu incrementar as partidas orzamentarias de apoio á produtividade do monte, tras constatar a súa eficacia para a prevención dos lumes forestais, e así por exemplo, a Xunta elevou nun 161% o orzamento para accións de silvicultura ou nun 10% os fondos destinados a accións de sanidade vexetal

MÚLTIPLES APOIOS
Desde o Grupo Parlamentario Popular tamén quixeron subliñar que na presente anualidade o Goberno galego vén de impulsar distintas medidas como son o apoio á redacción dos plans municipais de prevención (e a súa adaptación ás novas esixencias da lei de Montes), convenios con todos os concellos para a posta en marcha das brigadas municipais contraincendios e a tramitación dunha orde de axudas específicas para as comunidades de montes e que inclúe axudas para rozas de matoral, clareos, puntos de auga e outras medidas preventivas.

BRIGADAS FORESTAIS
Fronte ás críticas de AGE o deputado popular tamén quixo aclarar que en todas as contratacións que se levan a cabo (tamén ás das empresas públicas) rexen os principios de mérito e capacidade e que a experiencia laboral e a formación específica sempre son dous factores básicos á hora de contratar e polo tanto, méritos puntuables de enorme peso á hora de seleccionar aos profesionais que traballan nas brigadas e que desempeñan unha función moi importante, reforzada agora grazas aos convenios cos concellos e os novos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES).

CHAMAMENTO AO ACORDO
Ante todo este conxunto de propostas, Jose Manuel Balseiro lamentou a intransixencia das forzas da oposición ás que pediu que depuxeran a súa intención de politizar esta cuestión e acolleran favorablemente por responsabilidade o chamamento ao consenso feito no último pleno por Rosa Quintana “para loitar -todos xuntos- contra o que debera ser o verdadeiro inimigo común: aquel que provoca incendios nos nosos montes”.

DEBATE PLENARIO
José Manuel Balseiro, portavoz da área de Montes e Incendios do PP achegou durante o transcurso do debate varios datos significativos:

1º A reducción a menos da metade do número de hectáreas que arderon nos montes na pasada lexislatura: o que da mostra da eficacia dos operativos e das políticas de prevención e extinción postas en marcha polo PP desde que accedeu á responsabilidade de goberno na Xunta.

-Superficie total queimada: Reducíuse nun 52% (De 171.000 hectáreas a 77.000 hectáreas)

– Número total de lumes: Reducíronse nun 20% (De 24.672 lumes a 17.982 nos últimos catro anos)

– Superficie arborada queimada: Baixou por riba do 70%

2º O Goberno galego impulsa, nesta lexislatura, medidas dirixidas á mellora da coordinación das políticas de prevención dos incendios forestais cos concellos galegos e as comunidades de montes. De feito:

– A Xunta impulsa e apoia a redacción dos plans municipais de prevención de lumes, para financiar a súa adaptación ás novas esixencias da Lei de Montes e, deste xeito, para que os concellos dispoñan de ferramentas máis actualizadas nas políticas de prevención de incendios e poda aplicalas desde o ámbito local que é o administración que mellor coñece o seu territorio e os riscos que existen en cada unha das superficies forestais do municipio.

– A Xunta asina convenios con todos os concellos para financiar o 75% do custe da posta en marcha das brigadas forestais municipais e dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias.

– Hai en tramitación unha Orde da axudas específica para a prevención de incendios das que son beneficiarias as comunidades de montes (e que terá periodicidade anual) e que inclúe apoios económicos para desenvolver rozas de matorral, clareos, rexenerados naturais e novos puntos de auga para ser empregados en tarefas de extinción.

Exit mobile version