O Observatorio da Mariña pola Igualdade aproveitará a VIII edición do concurso de tapas “Ribadeo de Tapeo”, que se celebrará entre o 10 e o 19 de maio, para facer unha campaña a prol da igualdade de xénero na vila.
Serán o Coco e a Coca de Ribadeo, que este ano tamén se suman á festa gastronómica do Ribadeo de Tapeo desde os 140.000 panos de mesa que se repartirán entre os 55 bares participantes, os que conviden á xente a desTAPAr a igualdade, lembrándonos que agora é o momento de apostar sen complexos polo feminismo, de rachar roles e estereotipos sexistas, de compartir os traballos do fogar ou de combater a violencia machista.
Con esta campaña a prol da igualdade de xénero o Observatorio tamén quere aproveitar para, a través do deseño dos panos de mesa que inclúen aos tradicionais Cocos de Ribadeo, explicar que o feminismo é a igualdade e non o contrario ao machismo, idea esta última moi estendida. Tal e como se explica no texto asinado polo Observatorio no libriño editado coas tapas e os bares participantes, o feminismo é a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre homes e mulleres mentres que o machismo é a ideoloxía, comportamento ou actitude de quen defende a supremacía do macho e non acepta a igualdade de dereitos entre home e muller (definicións do Dicionario da Real Academia Galega).
Con esta iniciativa o Observatorio pretende apostar pola igualdade de xénero en todos os aspectos da vida, incluídos os momentos de ocio, e facer fincapé en que coa igualdade gañamos tod@s, mulleres e homes. É fundamental que a cidadanía tome conciencia de que a pesares de que exista unha igualdade formal, refrendada nas leis, é necesario seguir a loitar por unha igualdade real, por unha sociedade máis xusta e igualitaria na que homes e mulleres teñan os mesmos dereitos e deberes. É por iso que os panos de mesa deste ano do Ribadeo de Tapeo invitarán á xente a desTAPAR a igualdade, facela visible, compartila e gozala.