Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento aproba que a Xunta elabore un estudo sobre as edificacións de vivendas sen rematar por mor da crise

Santiago, 23 de maio de 2013.- O Parlamento galego aprobou esta mañá a proposición non de lei presentada polo Grupo Popular, apoiada polo Grupo Socialista, a través da que se insta á Xunta de Galicia á elaboración dun estudo para o diagnóstico e posibles medidas a adoptar en relación coas edificacións de vivendas sen rematar por mor da crise. O portavoz de Ordenación do Territorio, Román Rodríguez, avogou por, “en primeiro lugar, coñecer cantas edificacións existen nesta circunstancias, para despois avaliar a súa situación xurídica e poder poñer en marcha un posible plan de uso destes inmobles”.

Román Rodríguez recordou que “a burbulla inmobiliaria tamén afectou a Galicia, aínda que menos que a outras comunidades autónomas, e unha das consecuencias máis visibles é a proliferación dunha serie de vivendas e edificacións non rematadas que están espalladas polos concellos galegos”.

CONSECUENCIAS NA PAISAXE E NA COHESIÓN SOCIAL

“Neste momento non hai datos dos mesmos, pero é patente que nas áreas periurbanas ou de interese turístico hai edificacións sen construír nunha situación de parálise, que teñen consecuencia directa na paisaxe pero que sobre todo afectan á cohesión social”, manifestou o portavoz popular, quen apuntou que “este tipo de construcións poden supor un risco de accidentes para as persoas ou poden ser ocupadas para usos indebidos”.

Na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento, Román Rodríguez sinalou que no Partido Popular “somos conscientes de que estas construción sen rematar teñen e presentan unha amplísima casuística, ao que se suma que os cidadáns afectados se atopan nunha certa indefensión”.

Fronte a esta situación, o portavoz popular demandou a posta en marcha por parte do Goberno galego de “medidas integrais que basicamente deben comezar por un diagnóstico deste problema, para coñecer a situación xurídica de cada caso, a localización dos mesmos e propoñer solucións individualizadas e consensuadas coas administracións e os propios afectados”.

TRES PASOS

Máis en concreto, Rodríguez explicou que “o primeiro paso para dar solución a este problema novo é abordar a realización dun estudo sobre a situación destas vivendas que están sen rematar no conxunto do país, para ver en que circunstancias xurídicas e económicas se atopan porque haberá moi poucos caos iguais: procesos concursais, quebras de promotoras, cooperativas sen crédito ou dificultades urbanísticas, entre outras causas posibles”

“A continuación, plantexarase un plan de uso destas construcións, cunha ampla variedade de opcións posibles: desde a súa utilización para servizo público a través de residencias, vivendas públicas ou equipamentos; ata proceder ao seu derrubamento ou valorar outros usos alternativos”.

Exit mobile version