O GPP xunto co concello de Pantón reiteran a súas denuncias sobre o mal funcionamento do servizo de catamaráns, xestionados pola Deputación Provincial de Lugo.
O GPP e o concello de Pantón advirten ao goberno provincial que de non prestar un servizo na calidade axeitada; veranse obrigados a interpoñer unha reclamación polos danos e prexuízos económicos ocasionados aos negocios hostaleiros e a economía local
Os populares denunciaron en varias ocasións que o catamarán que fai a ruta polo río Miño, con saída de Belesar, reduce de forma aleatoria o número de paradas na illa de Maiorga, acarreando reivindicacións por parte dos empresarios e institucións afectadas
Lugo 15 de maio de 2013- O Grupo Provincial do Partido Popular, xunto co Concello de Pantón, alertan de que se continúan os incumprimentos na xestión dos catamaráns, o presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, terá que indemnizar aos afectados por danos e prexuízos. Tanto dende a Deputación como dende o Concello, os populares denunciaron en reiteradas ocasións a redución das paradas dos pasaxeiros nesta área recreativa da Illa de Maiorga, que acarrean reivindicacións por parte dos empresarios afectados.
Neste senso, tras o último caso dado o pasado 11 de maio, no que o catamarán que fai a ruta polo río Miño, con saída de Belesar, cun número de pasaxeiro de 50 persoas, non realizou a parada na citada illa; os populares vense na obriga de esixir de novo un servizo coa calidade axeitada e que rendibilice e obteña a maior eficacia na promoción turística da Ribeira Sacra lucense.
Con este afán, a través dun escrito, dende o Grupo Provincial do Partido Popular advirten ao goberno provincial que de non mellorar este servizo; veranse obrigados a interpoñer unha reclamación polos danos e prexuízos económicos ocasionados aos negocios hostaleiros e a economía local.
Reivindicación plenaria
A voceira do PP na Deputación de Lugo, Elena Candia, lembra que o seu grupo preguntou en pleno pola redución de paradas na área recreativa, ao que obtiveron por resposta que esta decisión era aleatoria en función do número de pasaxeiros que empregaban a ruta. Unha xestión, que segundo a popular, amosa a pouca implicación da Deputación Provincial de Lugo e do seu goberno bipartito como “dinamización económica da Ribeira Sacra lucense e coa explotación de localizacións nas que se materializou un importante investimento, co existencia de negocios de hostaleria”.
En moción plenaria, os populares denunciaron o mal funcionamento deste servizo ofrecido pola Deputación lucense e dependente da área de Vicepresidencia, xa que á redución de paradas; súmanselle a supresión de rutas que achacan á falta de usuarios, mentres que na beira do río ourensá, hai demandantes; a pésima atención aos usuarios –reducido horario de atención telefónica, non utilización do servizo on line da reserva de billetes, uso exclusivo do galego por parte das guías…- e o abandono do entorno.