Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG celebra que se recupere a alcaldía no Valadouro “tras 25 anos de retroceso do PP”

O socialista Edmundo Maseda anunciou a presentación da moción de censura esta mañá tras chegar a un consenso de goberno con Udival e co apoio do BNG, “un acordo feito desde a responsabilidade e o compromiso cos veciños e veciñas, que merecen outra forma de goberno coa que estamos moi ilusionados”

O PSdeG do Valadouro celebra o “acordo para os veciños e veciñas do concello” anunciado esta mañá en rolda de prensa polos tres grupos participantes, despois de presentar ás nove da mañá a moción de censura contra o goberno do PP propiciada pola moción de confianza do alcalde. Os socialistas amosan a súa satisfacción por “un acordo feito desde a responsabilidade e o compromiso cos veciños e veciñas, que merecen outra forma de goberno coa que estamos moi ilusionados”, como apuntou o socialista Edmundo Maseda, que asumirá a alcaldía no vindeiro pleno municipal “tras 25 anos de retroceso do PP no concello”.

Segundo o acordo, que terá que ser ratificado no vindeiro pleno municipal do día 4 de xuño, o PSdeG, ademais da alcaldía, levará as concellerías de Urbanismo; Vivenda e Solo; Medio Rural e Medio Ambiente; Comercio e Turismo; Educación e Deportes; Emprego, Formación e Igualdade, e Recursos Humanos, mentres Udival levará Obras; Servizos Sociais, e Cultura. O BNG apoia a moción de censura pero non entra no equipo de Goberno.

Maseda apunta como obxectivo “o desenrolo económico da zona e a potenciación dos recursos naturais, para que O Valadouro sexa un concello no que se poida vivir e traballar”. O socialista reivindicou a posición do Valadouro como “centro da comarca da Mariña”, polo que aposta “por que volva ser unha zona de referencia” e por “loitar contra o despoboamento”. Así, unha das primeiras propostas do PSdeG é a creación e posta en funcionamento dunha entidade de promoción e impulso da agricultura ecolóxica, con obradoiros de formación que fomenten o autoemprego e o impulso do rural para fixar a poboación. Asimesmo, o PSdeG asumiu diferentes compromisos de desenrolo do concello con Udival e BNG plasmados nun acordo conxunto.

Os tres asinantes da moción de censura acordaron crear unha Comisión de Seguimento dos acordos programáticos tomados, coa función de analizar o seu cumprimento. Estará formada por un portavoz por grupo e reunirase cada catro meses, ou antes a petición de calquera dos integrantes, tendo estes a potestade de levar cadanseu observador. “Nesta negociación démonos conta de que temos moitas cousas que nos unen, sobre todo o compromiso cos veciños e veciñas do Valadouro, por iso queremos poñer todos os mecanismos para empezar unha nova etapa na que se cumpran todos os nosos obxectivos, sempre e cando os orzamentos e a colaboración coas demais institucións o permitan”, afirma Edmundo Maseda.

Exit mobile version