Os deputados autonómicos Concepción Burgo e Carlos González Santín anuncian iniciativas no Parlamento para coñecer que intereses ten o Goberno galego coa empresa promotora, despois de recualificar 1,73 millóns de metros cadrados, 173 hectáreas rústicas, e pretender agora expropiarlle os terreos comunais aos veciños.
A Xunta deu 14 millóns de euros para un centro privado de dependentes en Bóveda mentres reduce 12 millóns no plan concertado público, vén de desentenderse construción da residencia prometida en Carballedo e afirma que a rede de 12 residencias da Deputación non é “necesaria nin prioritaria”.
“Ao parecer xa había un acordo para que esta empresa pagase 30.000 euros anuais para compensalos polo uso do monte veciñal, pero á Xunta non lle debía parecer suficiente a ganancia prevista de 14,7 millóns anuais para esta empresa” que, lembra González Santín, é unha promotora que ten actividade só desde 2005 e sita en Alcalá de Henares. Mentres, destaca o socialista, a conselleira Beatriz Mato negouse a apoiar e conceder prazas públicas na rede de 12 residencias públicas prevista pola Deputación en toda a provincia, ao non consideralas “necesarias nin prioritarias”. González Santín pregúntase “en que mundo viven Feijóo e os seus e cara que modelo queren ir, cun xeriátrico cun custo mínimo de 1.500 euros mensuais para a familia por praza cando en Lugo hai pensións que non chegan aos 600 euros”.
“Gueto de persoas maiores”
A deputada Concepción Burgo anunciou iniciativas ante a Consellería de Medio Ambiente, que fai “un urbanismo á carta”, para coñecer cal é o interese público e xeral que existe para expropiar con cartos públicos terreo para este proxecto privado, e ante a Consellería de Traballo e Benestar, á que lle preguntará ademais se existe algún compromiso de creación de traballo coa parados da zona, xa que a empresa é madrileña. A socialista destaca ademais que o PSdeG está en contra dun modelo de macroxeriátrico nun monte illado da poboación, un modelo que rexeitan os expertos, como a Sociedade Española de Xeriatría, que recomenda a atención na casa ou en residencias pequenas integradas na sociedade nun entorno con xente de todas as idades. Os expertos, apunta, chámanlle ao modelo que pretende apoiar o PP “gueto de persoas maiores”.
14 millóns nun centro privado en Bóveda e 12 millóns menos no plan concertado
Burgo lembrou ademais que “o cambio de modelo cara a privatización é moi claro” con exemplos como que a Xunta vén de dar 14 millóns de euros para un centro privado en Bóveda “que dun día para outro pasou de ser para dependentes intelectuais a dependentes físicos cando viron que non valía para o que estaba previsto”, mentres de 2009 a 2013 o PP ten reducido 12 millóns de euros para o plan concertado público que se dedica aos servizos sociais dos concellos.
Outro exemplo do “pasotismo e a indiferenza da Xunta” coas residencias públicas da provincia é o caso de Carballedo. Como denunciou o PSdeG, o Goberno galego desenténdese do proxecto de residencia para maiores que o alcalde, do PP, vén prometéndolles aos veciños desde 2010 e cunha promesa electoral. Nunha resposta por escrito da Xunta a unha pregunta dos socialistas no Parlamento, “din que a faga o alcalde se pode, e se non dálles igual, así que recoñecen que estiveron enganando á xente e que isto é fume”, lamenta Burgo, ante a afirmación da Xunta de que “na medida en que o promotor destas iniciativas é o Concello, enténdese que é tamén este quen levará a cabo a construción e a posta en marcha do centro”.
Residencia da Deputación en Guitiriz
Os socialistas lembran ademais o “total bloqueo do PP” ao proxecto de residencia pública que ten a Deputación actualmente en Guitiriz mentres apoian o macroxeriátrico privado. Desde o PSdeG lembran que o goberno provincial ten 15 millóns de euros consignados para avanzar na rede provincial de 12 residencias e centros de día en Trabada, Pol, Castroverde, Pedrafita, Ribas de Sil, A Fonsagrada, Meira, Guitiriz, O Saviñao,Navia de Suarna, A Pobra do Brollón e Riotorto, que “sofren o continuo boicot da Xunta en canto a licencias e concertación de prazas, debe ser porque non axudan a ningunha empresa amiga ou porque non dan votos”, lamenta Burgo.