O voceiro de O Corgo, Jesús Seijas, advertiu na reunión desta mañá cos pais e nais dos alumnos de que “perder a batalla de As Mercedes pode supoñer perder tamén a do colexio público de O Corgo”, porque “o PP está a dar pasos para unha modificación da rede de centros provincial pola porta de atrás, na que sae perdendo o rural”, critican
O secretario de Educación provincial do PSdeG, Carlos Ferreiro, o coordinador da comarca de Lugo, Álvaro Santos, e o voceiro socialista no Corgo, Jesús Seijas, reuníronse esta mañá na localidade corguesa cos pais e nais dos rapaces afectados pola eliminación de ESO e BAC no IES As Mercedes, aos que lles trasladaron o seu apoio contra o decreto da Xunta, e insistiron en que “a FP non é incompatible coa educación secundaria, senón todo o contrario, porque fomenta a saída da formación profesional entre os pequenos, como demostra o exemplo deste instituto”. Os socialistas anunciaron que desde o grupo parlamentario os deputados lucenses están traballando para esixirlle ao conselleiro que reciba á comunidade educativa e a plataforma de afectados “non para dar explicacións, senón para que haxa unha paralización, cando menos temporal, do decreto e teña a vontade política de escoitar antes de levar a cabo unha decisión arbitraria e irresponsable”, tal e como explicou Álvaro Santos.
O secretario de Educación provincial, Carlos Ferreiro, advertiu de que este decreto “non é unha cuestión puntual, senón un primeiro paso para unha modificación da rede de centros provincial pola porta de atrás na que sae perdendo o rural” porque “o PP toma as decisións sen mirar problemas de familias con máis dun fillo aos que separan ou os desplazamentos, senón só coa calculadora na man”. O socialista advirte de que “hai unha posibilidade real de repago no transporte escolar” despois dos recortes en libros de texto ou o repago nos comedores, polo que “estudar sendo do Corgo vai ser cada vez máis caro que en Lugo”, e lémbralle ao PP e ao conselleiro que “a democracia non é votar cada catro anos, senón ter en conta a opinión da cidadanía”, despois de que Jesús Vázquez estivera cos cargos do PP en Lugo no IES AS Mercedes “para entregar un premio e non tivera a decencia de anunciar o que tiñan previsto” para o instituto. “Non nos xogamos só que As Mercedes teña ESO, senón que detrás deste paso veñan outros moitos”, advertiu, e lembrou que “os pais cada vez teñen que facer máis esforzos e pagar máis por ter menos servizos públicos”, mentres “na ensinanza de relixión, con 28 millóns de euros ao ano, non hai nin un só recorte”.
“Falar do plan B é o que quere o PP”
O coordinador do PSdeG na comarca de Lugo, Álvaro Santos, incidiu na “absoluta desfachatez do conselleiro coa comunidade educativa no caso do desmantelamento de As Mercedes”, que supón “a alteración económica e social de moitas familias”, non só de Lugo e O Corgo, senón tamén de Baralla, Outeiro de Rei, Baleira, O Páramo, Friol, Láncara, Pedrafita ou Portomarín, de onde tamén chegan alumnos. “Esixímoslle ao PP, que ten ben sabe decretar e pasar amplamente dos tempos de consulta e diálogo, que amose un pouco de vontade política e que o conselleiro dea a cara para coñecer a realidade”, afirmou, “como se lle hai que ir petar á porta”.
Santos lembrou que esta decisión tamén levará consigo “a masificación doutros centros, polo que a conclusión é: calidade educativa pública cero, recorte puro e duro e cambios porque ao PP lle apetece”. Preguntado por un medio sobre a posibilidade de falar dun plan B, o socialista afirmou que “Falar do plan B é o que quere o PP, interésalle moito porque así fala das supostas solucións a un problema que eles crean, pero non do problema que crearon, que é desmantelar un centro que xa demostrou que está sobradamente capacitado”.
“Perder a batalla de As Mercedes pode supoñer perder a do colexio de O Corgo”
Pola súa banda, o voceiro socialista no Corgo, Jesús Seijas, advertiu de que “este é un momento trascendental, porque perder a batalla de As Mercedes pode supoñer perder tamén a do colexio público de O Corgo”. O socialista asegura que “o futuro do colexio de O Corgo vai vencellado á continuidade do centro de referencia actual de As Mercedes, porque en canto empecen a disgregar os pequenos por institutos de toda a zona, irán eliminando as posibilidades de que o colexio de O Corgo se manteña”, xa que se perderá “a referencia dun único centro de secundaria e a actual rede de transporte escolar que hai ata alí” e “empezarán a deixar aos pais sen alternativas, sobre todo aos que teñen máis dun fillo e xa terán que desplazarse para levar a un deles a outro centro”.