Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSdeG preguntará no Parlamento polo proxecto de remodelación da zona portuaria de Foz

O deputado autonómico José Ramón Val preguntará mañá na Comisión de Pesca do Parlamento datos detallados sobre o proxecto de remodelación da zona portuaria de Foz, que o PP “presentou como o seu proxecto estrela hai dous anos para as eleccións municipais” e do que “agora xa nada se sabe”.

O deputado socialista lembra que “o macroproxecto doi difundido a bombo e prato polo PP local co apoio de varios dirixentes autonómicos”, polo que “agora o mínimo que merecen os veciños e veciñas de Foz é unha explicación sobre o seu avance”. O proxecto anunciado polo PP nas eleccións locais consistía nunha gran remodelación da zona portuaria que implicaba a creación de máis de 500 prazas de amarre, a remodelación total da superficie portuaria con novos paseos, espazos verdes ou dotacións de equipamentos entre os que destacaba un auditorio, unha escola de música ou espazos reservados para establecementos comerciais de carácter privado.

“Dous anos despois desas eleccións, nada sabemos sobre que foi do compromiso adquirido polo alcalde e por eses dirixentes autonómicos do PP, máis aló dun único anuncio feito polo presidente de Portos de Galicia para elaborar un estudo sobre a posibilidade de conter a area que se acumula na ría para poder crear prazas de amarre”, apunta o socialista, que pedirá respostas sobre “que empresa ten adxudicado o estudo promovido por Portos de Galicia, que prazos manexa o Goberno galego para que se poidan facer públicas as súas conclusións, e se a Xunta considera viable este proxecto tal e como foi presentado” no seu día. “Xa que os cidadáns deben saber en que situación se encontra este gran proxecto e non atopan respostas de quen se erixiu en promotor del, preguntarémolo”, afirma Val.

Exit mobile version