Santiago de Compostela, 22 de maio de 13. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, advertiu hoxe que a “lentitude” e o “despiste” do goberno fronte ás negociacións do acordo da UE con Mauritania suporá de facto o “desmantelamento da flota cefalopodeira galega”. Val presentou unha proposición non de Lei na Comisión de Pesca para que Xunta, Goberno e Mauritania negocien un novo acordo, rexeitada polo PP.
O parlamentario socialista dixo que “temos que solucionar este problema entre as partes interesadas” xa que “si non lles preocupa, a Comisión Europea o ten bastante claro” xa que sen as licencias dos cefalopodeiros se aforra 16 millóns de euros. Por isto reclamoulle ao goberno galego “poñer toda a carne no asador” para salvar aos 23 buques de armadores galegos e con tripulantes galegos afectados polo acordo.
Lembrou que esta proposta parte do propio sector, que nun encontro cos parlamentarios galegos “deixaron claro que esta situación se solucionaba a través dun acordo entre partes interesadas”. Lamentou que malia as demandas dos afectados, que “non eran moi elevadas”, a Xunta “non fai nada” e criticou que “Feijóo vai a México pero non vai a Mauritania porque non teñen interese en arranxar o problema”.
Criticou que o PP incluíra na orde do día da Comisión de hoxe unha proposición non de Lei sobre a flota cefalopodeira “para salvarse a cara e salvarlle a cara ao goberno diante da opinión pública”. Puntualizou que a iniciativa deste partido “non ten prezo” ao demandar ao goberno “a continuidade do apoio para a revisión do protocolo”, o que “en realidade é o mesmo que non dicir nada”.
Instou a este grupo a retirar dita iniciativa para apoiar a presentada polo Grupo Socialista que atende ás demandas do sector e insta á Xunta a propiciar un encontro entre os gobernos central e autonómico co executivo mauritano “co fin de achegar posturas e acadar un punto de encontro que permita á flota cefalopodeira volver estar presente no caladoiro mauritano”.
Acordo
Criticou que o “despiste” do Executivo do PP nas negociacións supuxo a sinatura dun acordo lesivo para os 23 buques galegos, que “deixa fora aos barcos cefalopodeiros, supón para a flota da pescada pagar moito mais pola mesma capacidade pesqueira ou multiplicar por catro o prezo das licencias de pesca.
Ademais, o acordo continúa coa redución da área de pesca en mais dun 40 por cento, incrementa as tripulacións nativas ata o 60 por cento, obriga facer tódolos desembarcos de mercadorías nos portos mauritanos e entregarlle o 2 por cento ao reino alauí.
Val reclamoulle ao PP que mude a súa postura en contra desta iniciativa, que xa demostraron ao rexeitar no Pleno do Parlamento unha moción socialista para reclamar que o Goberno “fixese o que tiña que facer, poñer en marcha todas as medidas encamiñadas a incluír neste acordo á nosa flota”.