Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo critica que o alcalde fai un uso “partidista” do servizo de prensa do Concello

CERVO, 22 DE MAIO. Os socialistas afirman que os gastos de protocolo e representación da Fegamp non os ten que asumir o Concello de Cervo, “o noso alcalde está facendo un uso partidista e persoal dun servizo que pagamos tódolos veciños e non podemos consentir que se actúe desta maneira”.

No día de onte a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Fegamp asinaron o convenio que porá en marcha os Grupos de Emerxencia Supramunicipais na nosa provincia, “o señor Alfonso Villares acudiu ó acto como vicepresidente executivo da Fegamp, ata aí todo correcto, pero é que viña acompañado da persoa de prensa do Concello, á que tódolos meses se lle pagan 1.900 euros por traballos de redacción de contidos da web municipal, xestión de redes sociais e demais traballos de comunicación”.

Dende o GMS subliñan que “seguimos pensando que un Concello coma Cervo con menos de 5.000 habitantes non pode asumir o gasto dunha persoa de prensa. Aínda peor é que se faga uso deste servizo municipal para outros asuntos persoais e partidistas do señor alcalde. Esta maneira de xestionar os servizos públicos non é máis que unha tomadura de pelo para tódolos veciños”.

Exit mobile version