Site icon Crónica3.com A Mariña

O SGEP reclama a constitución da Ponencia Conxunta no Parlamento de Galicia sobre a “lei de fomento da cultura da paz”

O pasado xoves 16 de maio, o Seminario Galego de Educación para a Paz, fixo entrega, no Parlamento de Galicia, dunha carta dirixida á Presidenta do Parlamento Galego, Pilar Rojo, así como ós portavoces dos Grupos Parlamentarios do PP, PsdG-PSOE, AGE e BNG, na que reclaman a constitución da Ponencia Conxunta acordada na anterior lexislatura co obxecto de elaborar e aprobar, por acordo e por consenso, unha Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia, xunto a unha proposta de texto elaborado.

Nun momento político, caracterizado pola confrontación máxima, polas acusacións mutuas de violencia, o Seminario Galego de Educación para a Paz considera oportuno retomar o acordo parlamentario da anterior lexislatura relativo á aprobación dunha lei que fomente a cultura da paz e a non violencia en Galicia.

Por iso, diríxense ó Parlamento argumentando que “durante os anos 2009 e 2010 mantivemos diversas reunións bilaterais e conxuntas en relación coa proposta do Seminario Galego de Educación para a Paz sobre a Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia, da que achego, de novo, o texto borrador de referencia, cos precedentes da Lei catalana de 2003 e a española de 2005”.

En 2010, ademais, con motivo da celebración do Foro Mundial de Educación en Santiago de Compostela, tanto a Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova, como o ex- Director Xeral, D. Federico Mayor Zaragoza, presidente da Fundación Cultura de Paz, manifestaron o seu apoio á citada iniciativa. Mesmo trasladaron persoalmente aquela vontade á presidencia accidental da cámara e ós portavoces parlamentarios que se comprometeron a iniciar o procedimento para aprobar, por acordo e consenso, unha Lei destas características.

Na pasada lexislatura constitueuse unha Ponencia Conxunta con ese obxectivo. E na actual, con novas forzas políticas no Parlamento de Galicia, instamos á presidenta, Dª Pilar Rojo e ós grupos a que retomaran a pasada Ponencia Conxunta incorporando á Alternativa Galega de Esquerda quen manifestou, tamén, o seu desexo de participar activamente neste proxecto.

Por todo o anterior, solicitan do Parlamento de Galicia, da súa Presidencia e dos Portavoces dos Grupos Parlamentarios, a constitución da Ponencia Conxunta da Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia e o inicio dos trámites precisos para que a citada lei sexa unha realidade na nosa Comunidade Autónoma.

Exit mobile version