Fabián Pérez.- Ano tras ano, e xa van oito, a Asociación Deportiva Veteranos do Ribadeo FC organiza o Torneo Internacional “Vila de Ribadeo”. O evento reúne a 39 equipos de fútbol veterano (con xogadores de máis de 35 anos) do panorama nacional e internacional, durante os días 25 e 26 de maio en Ribadeo.
“Este é o torneo de fútbol veterano modesto máis numeroso de España”, asegura Víctor Manuel Pérez, o seu organizador. Seguindo este formato (liguilla máis eliminatorias) o tamén secretario da Asociación Deportiva Veteranos do Ribadeo FC declara que “podemos dicir que é o máis numerosos de Europa, porque do resto do mundo non teño coñecemento”.
Para facilita-la práctica do deporte rei, o torneo conta con cinco sedes ubicadas no concello ribadense e nos seus arrabaldes. En Ribadeo xogarase no “Outeiro” e no “Pepe Barrera”. En San Cosme de Barreiros, disputaranse partidos no campo do Cascabeiro. Ademais, o torneo tamén diporá de dous campos en Asturias: “El Soutón” (Vegadeo) e “A Xungueira” (Tapia de Casariego).
Finalmente, 30 persoas da organización, xunto con catro técnicos sanitarios, velarán para que todo saia ben coma en anos anteriores. Este torneo, que conleva máis dun ano de preparación, asentouse para ficar no concello de Ribadeo. A organización desvela que incluso “mentres ultimamos esta edición, xa estamos pensando en como será a do vindeiro ano”.
Quizais o fútbol ao máis alto nivel teña una idade tope, pero nada quita que, tras superala, un non poida seguir desfrutando da maxia de practicar este deporte en primeira persoa.