Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas acusan a Rosa Quintana de apropiarse do voto en contra ao protocolo de Mauritania “sen ter feito xestión algunha”

Santiago de Compostela, 30 de maio de 13. O portavoz de Pesca do PSdeG no Parlamento de Galicia, José Ramón Val, congratulouse hoxe polo papel clave dos socialistas á hora de resolver o voto en contra do Protocolo de Pesca con Mauritania.

Coa mesma contundencia, lamentou o rol da conselleira de Pesca, que o mércores apareceu en Bruxelas despois da votación, sen ter mantido ningún encontro previo a mesma co Grupo Socialista para acordar o voto en contra.

Un desprazamento oportunista e que segundo Ramón Val resultaba “innecesario” toda vez que a ausencia de xestión da conselleira fixo que os eurodeputados galegos se tivesen que buscar a vida para conseguir este resultado na votación, que se resolveu por 16 votos en contra do Protocolo, 6 a favor e 1 abstención, sen intervención algunha da Xunta. É máis, a improvisada e oportunista viaxe da conselleira obrigou a alterar o orden do día do Pleno do Parlamento de Galicia para que puidera facela.

“Quedou claro”, engadiu Val, “que o amplo apoio en contra do Protocolo non se debe ás xestións feitas pola conselleira, que foron inexistentes”, polo que so cabe concluír que “foi a Bruxelas, a costa dos galegos, a facerse unha foto e culpar aos demais da súa propia incompetencia” se o resultado da votación fose outro ou “colgarse a medalla” no caso de que se impuxese un voto maioritario en contra do Protocolo, como así foi.

“Todo o mundo traballou para este resultado da votación menos a conselleira, o que proba que nunca estivo na negociación en contra do Protocolo”, engadiu Val.

Por elo, o portavoz de Pesca anticipou que o grupo socialista preguntará o custe desa foto que a conselleira se foi a facer a Bruxelas para pedir que o reintegre ás arcas da Xunta.

En todo caso, e pasando páxina do calamitoso papel da Xunta nesta negociación, Val recomendoulle a Rosa Quintana que o que si debe facer é “viaxar o antes posible a Mauritania para resolver alí os problemas dos cefalopodeiros galegos”.

“Gañamos unha batalla importante, pero os problemas do sector seguen sen estar resoltos e os buques sen faenar”, polo que lle aconsellou de cara ao futuro que “non se quede esperando, outra vez sen facer nada, a votación do Protocolo no Parlamento Europeo e empece a exercer de Goberno, facendo tódalas xestións previas necesarias para que as cousas saian ben sen ter que esperar ata última hora cos dedos cruzados para que así sexa”.

Exit mobile version