José Ramón Val lamenta que o goberno galego teña confirmado hoxe que non poderá facer a obra prometida nesta lexislatura
Santiago de Compostela, 22 de maio de 13. O portavoz de Pescado Grupo Socialista, José Ramón Val, acusou hoxe á Xunta e ao alcalde de Foz de “defraudar e enganar aos veciños e veciñas de Foz” ao prometer unha reordenación do espazo portuario sabendo que non poderían levala a cabo. No debate dunha pregunta oral na Comisión de Pesca celebrada hoxe, a Xunta confirmou que non fará esta obra a lo menos ata a próxima lexislatura.
O parlamentario socialista preguntou hoxe no Parlamento polo proxecto de remodelación do que “cumpridos xa dous anos desde as últimas eleccións municipais, os veciños de Foz nada ou moi pouco saben do proxecto estrela co que o PP se presentou aos comicios deste concello”. Acusou ao PP e ao goberno de “manipular aos cidadáns creando expectativas sendo conscientes de que non vai ser posible cumprilas”.
Advertiu que mentres moitas embarcacións continúan agardando pola praza de amarre prometida e outras utilizan unha dársena sen os servizos de luz e auga básicos mentres o goberno galego dedica os seus esforzos a “maquillaxe e propaganda”.
Apuntou que os 63.000 euros que ven de dedicar a un estudo para a remodelación e os 50.000 para unha pasarela flotante, ademais dos 290.000 euros dedicados a un dragado “que non serviu para nada” evidencian un “despilfarro duns recursos que poderían estar sendo dedicados a outra cousa e que son empregados para tapar o seu incumprimento”.
Remodelación
O parlamentario da Mariña explicou que o proxecto consistía nunha gran remodelación da zona portuaria que implicaba a creación de mais de 500 prazas de amarre, a remodelación total da superficie portuaria, con novos paseos, espazos verdes, dotacións de equipamentos entre os que salientan un auditorio, unha escola de música e espazos para establecementos comerciais.
Lembrou que o proxecto foi avalado mesmo polo presidente da Xunta, que participou dun acto “con grandes pantallas onde se amosou unha recreación virtual”, elaborando dípticos e folletos e Portos de Galicia permitiu a instalación dun gran cubo publicitario durante varios meses onde se recreaba o futuro espazo, malia que “todos eles sabían que non o farían”.