Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas anuncian iniciativas parlamentarias para a defensa e mellora do ensino público no medio rural

Santiago de Compostela, 30 de maio de 13. O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Vicente Docasar, anunciou hoxe unha batería de iniciativas parlamentarias dirixidas á defensa e mellora do ensino público no medio rural. Logo dun encontro coa Mesa Galega de Educación no Rural, Docasar comprometeuse a traducir en iniciativas parlamentarias as demandas deste colectivo “fronte ás políticas de volta atrás da administración educativa”.

A Mesa solicitou a discriminación positiva do ensino no rural, fronte á problemática particular que sofre pola dispersión poboacional e o despoboamento paulatino, como vía para dignificar o medio rural e integrar a educación de calidade nun proxecto global de desenvolvemento do mundo rural galego.

Os representantes dos sindicatos educativos galegos demandaron un plan específico para a educación no rural centrado nun proceso educativo específico, un mapa escolar que garanta a adecuada dotación de medios das escolas rurais, frear o peche de centros e a redución de unidades ou o mantemento da ESO nos centros rurais.

O parlamentario socialista apoiou tamén as demandas destes representantes por canto á extensión do transporte público gratuíto ao bacharelato e FP no rural, así como ao mantemento da gratuidade dos comedores escolares, entre outras demandas.

Exit mobile version