Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo critican que se gasten “esforzos e euros” en Fitur ou Houston mentres non se consiguen as bandeiras azuis

CERVO, 28 DE MAIO. Os socialistas de Cervo denuncian as incoherencias do equipo de goberno á hora de facer xestións relativas á proxección turística do noso Concello, “non podemos entender que se gasten os cartos das arcas municipais en viaxar a FITUR ou pagarlle a unha empresa para que nos promocione na Semana de Galicia en Houston, se despois non se move un dedo por conseguir uns galardóns como son as bandeiras azuis que farían moito máis atractivo o noso municipio e non supoñen gastos excesivos”.

Lembran que “ano tras ano viaxan a Madrid dous ou tres representantes do Concello e no verán do 2012 encargóuselle a unha empresa privada de Ourense o traballo de promocionarnos en Houston, en ningún dos dous casos esa inversión revertía no noso concello, na nosa comarca ou incluso na nosa provincia, son promocións no exterior das que se encargan empresas do exterior”.

Dende o Grupo Socialista non entenden que “se acepten este tipo de gastos e por outra banda, non se preocupen o máis mínimo de ter todo a punto para enviar unha simple solicitude que permita que as nosas praias luzan estes distintivos tan recoñecidos a nivel internacional”.

Sen bandeiras e con mentiras

Ademais desta pésima xestión, aseguran que “é lamentable entrar a día de hoxe na páxina web do Concello de Cervo e ver como a sección de información turística está encabezada polo titular Praias recoñecidas coa bandeira azul da UE. Todo isto tendo en conta que tódolos meses lle estamos a ingresar a unha persoa 1.900 euros polos traballos de redacción e actualización da nova web”.

Os socialistas pídenlle ó señor Villares que “por favor, non nos queira facer tontos, non nos minta á cara e sexa legal aceptando que xa non é certo que ano tras ano as nosas praias son recoñecidas coas bandeiras azuis que outorga a Unión Europea. E tamén fáganos o favor de explicar cal é o cometido real da persoa á que se lle paga por actualización da web municipal, nós non o temos nada claro cando vemos este tipo de titulares caducados dende hai anos”.

Exit mobile version