Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo non entenden que o goberno local suspenda o pleno pola presenza de varias persoas defendendo o Hospital da Costa

la foto 2CERVO, 9 DE MAIO. Os socialistas lamentan que o goberno local do PP suspenda o pleno previsto para esta mañá “polo mero feito de que varias persoas mostrasen unha pancarta en defensa da sanidade pública na nosa comarca. A actitude do equipo de goberno do Concello de Cervo é inaudita, o sucedido esta mañá é un feito totalmente antidemocrático”.

Os membros do GMS aseguran que “non houbo en ningún momento alteración da orde pública. De forma silenciosa e educada, varias persoas presentáronse no pleno como acto público que é para manifestarse en defensa do Hospital da Costa e en contra das últimas decisións tomadas polos actuais gobernantes”.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, non dubidou en que suspendería o pleno se non se retiraba a pancarta e rematou por actuar así, “esta decisión é unha incoherencia pola súa parte, pois o señor Villares proclamouse en varias ocasións defensor do Hospital de Burela por riba de todo e mantivo varias reunións con facultativos nas que afirmou comportarse como representante dos veciños e non como membro do PP ante este asunto”.

Os socialistas subliñan que “a pesar de que os manifestantes non aludiron a ninguén, parece que os membros do equipo de goberno de Cervo se dan por aludidos e se senten realmente responsables do que está sucedendo coa sanidade pública na nosa comarca. Esta actitude non se entende se non doutra forma”.

Recoñecen que “feitos antidemocráticos por parte do Partido Popular se poñen de manifesto día a día. É unha vergonza que unha plataforma creada polos diferentes axentes sociais de A Mariña, colectivos veciñais, partidos políticos, forzas sindicais, sexan tratados desta maneira por defender libremente un servizo público como é a sanidade na nosa comarca”.

Exit mobile version