– Ademais das exhibicións dos profesionais do surf, nenos e maiores gozarán no paseo marítimo de Viveiro de paseos en skates eléctricos, longskate e segway, e dun simulador de surf
– A xornada de hoxe completarase cunha comida popular en Lóngara, que reunirá a unhas 150 persoas, e cun concerto en Ribadeo pola noite da banda viveirense Sunday Morning Club
Vinte dos mellores surfistas de toda Europa demostraron este sábado pola mañá nas praia barreirense de Lóngara o seu talento sobre a auga na segunda xornada do Surf-Camp, organizado pola Deputación de Lugo. Os espectaculares xiros e piruetas destes mestres das olas causaron sensación entre as ducias de persoas chegadas non só de toda a provincia lucense, senón tamén do resto da comunidade galega, Asturias e León.
O certame renova deste xeito á alza o éxito de participación de pasadas edicións, servindo un ano máis de tirón para aumentar a ocupación hoteleira da Costa lucense, que chega a rozar estes días o 80% nos establecementos da comarca oriental. A terceira edición do Surf-Camp afiánzase así como revulsivo económico da comarca, ó tempo que consolida ó surf como reclamo turístico para atraer visitantes á zona fóra tempada, ó longo de todo o ano.
De feito, o renome internacional dos participantes atraeu a xornalistas de tódolos medios especializados de surf do país, como www.fuelsurf.tv; www.surflimit.com; www.costasurf.com; www.aremojo.com ou www.cervezasalada.com. Están presentes ademais representantes da Federación Española de Surf e da Asociación Madrileña de Surf, que conta con 25.000 seguidores de toda España.
Gony Zubizarreta; Kepa Acero; Aritz Aramburu; Jonathan González; Hodei Collazo; Adur Letamendia; Marlon Lipke; Luis Rodríguez; Guillermo Alonso; Daniel Aznar; Mario Azurza; Indar Unanue; Pablo Solar; Pablo Gutiérrez; Jaime Azpiroz; Lucía Martiño; Garazi Sanchez; e Yoli Rodríguez acapararon tódalas miradas pola mañá coas súas exhibicións.
Mañá, unhas 200 persoas de tódalas idades recibirán clases maxistrais gratis de iniciación e perfeccionamento por parte de figuras europeas do surf, acompañados de monitores, na praia focense da Rapadoira. Coñecerán os segredos, trucos e técnicas deste deporte acuático da man dos mellores.