Site icon Crónica3.com A Mariña

Palillando no Camiño, a homenaxe ás encaixeiras da provincia, despediuse con éxito da Capela de Santa María

palillando_1A exposición de homenaxe ó encaixe de bolillos e ás artesanas que manteñen viva na provincia esta técnica, Palillando no Camiño, pechou onte as súas portas logo de atraer a centos de lucenses e foráneos ata a Capela de Santa María. Dende a data da súa inauguración, o pasado 2 de maio, esta mostra de marcado carácter didáctico e interactivo, logrou que 700 persoas se achegasen ata a Capela para admirar os traballos destas mulleres e para asistir ás demostracións en vivo e leccións prácticas que estas ofreceron.

Oito agrupacións de mulleres artesanas da provincia estiveron presentes: a Asociación de Palilleiras de Sarria “Camiño de Santiago”, que exerceron de anfitrionas; o grupo de Palilleiras de Cervo, Burela e Foz; a Asociación Cultural de Quiroga; o grupo “Agulla máxica”, de Lugo; o grupo “Bosque Sagrado”, que reúne a palilleiras de Vilalba, Cerdido, Santaballa e As Pontes; as palilleiras dos Centros Socioculturais lucenses de Lamas de Prado, Trapero Pardo, Milagrosa e Fingoy; a Asociación “As Encaixeiras” de Burela e o grupo “Coas nosas mans” de Xove.

Elas foron as creadoras das 200 pezas que formaron parte da mostra, na súa maior parte, de inspiración tradicional de encaixe galego, aínda que tamén contou pezas realizadas baixo outras técnicas, coma dos chamados tipos ruso, belga (ou binche), ou danés (tonder), coas que confeccionaron prendas de vestir de adulto e neno, complementos decorativos de fogar e de moda, coma chales, broches, sombreiros, abanos ou mesmo xoias, realizadas en liño, fío e seda. Tamén foron mestras de moitos lucenses que se achegaron nalgunha das xornadas sinaladas, durante as que estas ofreceron interesantes demostracións en vivo do seu traballo e leccións prácticas ós asistentes.

Exit mobile version