Site icon Crónica3.com A Mariña

Presentáronse os primeiros Premios ao Baloncesto Galego que se celebrarán en Lugo o 28 de maio

A gala celebrarase no Pazo de San Marcos o vindeiro 28 de maio ás 8.30 da tarde e estará conducida polo xornalista Alfonso Hermida

Lugo, 14 de maio de 2013. O nacionalista Antonio Veiga, vicepresidente da Deputación de Lugo, presentou esta mañá no salón de actos da Deputación, acompañado de Óscar Losada, director da revista especializada de baloncesto Zona Press, o que será a gala de Premios ao Baloncesto Galego Zona Press, que se celebrará en Lugo e recoñecerá o traballo ao longo da tempada que rematou dos deportistas e técnicos galegos. A gala celebrarase no Pazo de San Marcos o vindeiro 28 de maio ás 8.30 da tarde e estará conducida polo xornalista Alfonso Hermida.

Tal e como explicou Antonio Veiga, “Lugo é unha cidade punteira en Galiza no eido do baloncesto, xa non só pola histórica traxectoria do seu club máis laureado, o Breogán, senón porque ademais conta cun bo número de equipos de baloncesto de base e tamén un importante número de equipos femininos. Por iso cremos que estes premios, que é a primeira vez que se organizan, non veñen a un lugar alleo a este deporte, co que agardamos que sexan un éxito que sirva de precedente a vindeiras ocasións. Estes premios ao baloncesto galego son unha ocasión para ver en Lugo aos mellores deportistas da canastra de Galiza, masculinos e femininos, e tamén aos técnicos”.

Óscar Losada, director da revista especializada en baloncesto, Zona Press, e coordinador dos premios, explicou que se van a conceder seis premios, que serían:

-Mellor xogador e xogadora galeg@. Inclúese aos xogadores e xogadoras que militan en clubs que non son galegos e tense en conta nas votacións aos xogadores do Amfiv de baloncesto en cadeira de rodas.

-Mellor xogador e xogadora dun equipo galego.

-Mellor estranxeiro dun equipo galego. Só se pode facer en categoría masculina, xa que na feminina existen moi poucas xogadoras foráneas nos equipos galegos.

-Mellor técnico dun equipo galego.

Ademais inclúese un sétimo galardón, que sería o premio a unha traxectoria. Este premio recae no ex xogador galego Fernando Romay, quen asistirá.

No decurso da gala, ademais de entregarse os premios aos gañadores e ao homenaxeado pola súa traxectoria, proxectarase o documental Campioas Esquecidas, de 25 minutos de duración, un traballo sobre o equipo feminino Medina de A Coruña, o primeiro conxunto galego que competiu nunha Copa de Europa en calquera modalidade deportiva de equipo, facéndoo antes ca unha escuadra masculina.

LISTAXE DE FINALISTAS

Mellor xogador galego:

-David Mouriz (Amfiv Vigo)
-José Angel Antelo (Ucam Murcia)
-Antonio Pantín (Azpeitia Azkoitia)
-Manu Gómez (Breogán)

Mellor xogadora galega:

-Arantxa Novo (Universidade do País Vasco)
-Ana María Román (Ibaizábal)
-Vicky Alonso (Anfiv Vigo)
-Andrea Ríos (Cortegada)

Mellor xogador dun equipo galego:

-Asier Zengotitabengoa (Básquet Coruña)
-Alberto Corbacho (Obradoiro)
-Lorenzo Envó (Afiv Vigo)
-Joseba Aramburu (Marín Peixe Galego)

Mellor xogadora dun equipo galego:

-Yaiza García (Ensino)
-Mireia Navarrete (Ensino)
-Ylenia Manzanares (Cortegada)
-María José Bolonio (Pabellón Ourense)

Mellor estranxeiro dun equipo galego:

-Anthony Winchester (Breogán)
-Levon Kendall (Obradoiro)
-Andrés Rodríguez (Obradoiro)
-Salah Mejri (Obradoiro)

Mellor técnico dun equipo galego (masculino ou feminino)

-Pepe Vázquez (Cortegada)
-Moncho Fernández (Obradoiro)
-Lisardo Gómez (Breogán)
-Yago Casal (Establecimientos Otero – Cambados)

Exit mobile version