Un total de 15 equipos participan nesta proba que se disputará en tres etapas os días 31 de maio, 1 e 2 de xuño
Esta volta ciclista, na que participan un total de 15 equipos procedentes de Galiza, Asturias, Cantabria, Valencia, Murcia, Cataluña e Portugal, conta con tres etapas que se desenvolverán a vindeira fin de semana. O venres, 31 de maio, terá lugar a primeira delas, na comarca de Lugo, cun percorrido de 142 quilómetros; a segunda será na comarca da Mariña, o sábado 1 de xuño, con saída e chegada no Valadouro e cun trazado de 109 quilómetros; e a terceira celebrarase o domingo, 2 de xuño, na comarca Sur, con saída e meta no concello do Incio e cun percorrido de 127 quilómetros.
A área de Deportes da Deputación de Lugo puxo en marcha hai xa seis anos a Volta Ciclista ás Comarcas Lucenses, unha proba que segundo explicou Veiga “xa logrou asentarse no panorama nacional do ciclismo e avanza un chanzo máis no conxunto de probas do Estado español, nunha época na que competicións deste tipo están claramente en recesión debido ao mal momento económico que atravesa o deporte en xeral e o ciclismo en particular”.
Neste senso, o vicepresidente da Deputación lembrou que “un dos obxectivos da área de Deportes desta entidade é o de fomentar a práctica do deporte, sexa cal sexa a súa disciplina, en todas e cada unha das comarcas lucenses”. “Por iso – continuou Veiga- seguimos traballando para descentralizar a práctica e a organización de determinados eventos deportivos, un feito que suporá un forte impulso socioeconómico para as zonas nas se poñan en marcha este tipo de iniciativas”.
Pola súa banda, o delegado de Cultura e Turismo insistiu en que “debemos ter en conta a importancia e repercusión que ten esta proba, ademais do plano deportivo, no ámbito económico e turístico, xa que este campionato ciclista, a través das súas tres etapas, funciona como un auténtico escaparate para a posta en valor do noso territorio, da nosa riqueza paisaxística e cultural, e polo tanto supón tamén unha oportunidade económica para o sector turístico e hostaleiro da provincia”.