En primeiro lugar, Arias referiuse ao convenio que permitirá aos municipios poñer en marcha brigadas complementarias de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os meses de verán.
Na reunión desenvolvida na Casa da Administración de Sargadelos, Arias incidiu na importancia de que os concellos se adscriban a este convenio “demostrando así o compromiso de cada municipio na loita contra un mal que afecta a todos e que é responsabilidade de todos”.
A través deste convenio, abundou, permitirase a contratación de entre 4 e 6 persoas para cada brigada, tendo en conta que estes equipos humanos e materiais serán financiados pola Consellería do Medio Rural e do Mar en colaboración cos concellos.
Paralelamente, a Consellería de Medio Rural e do Mar está a tramitar dous convenios máis cos concellos da provincia de cara a mellorar a prevención e loita contra o lume. Deste xeito, dará comezo un plan de renovación de motobombas e outro de planificación preventiva de incendios forestais, cos que se pretende renovar o parque de vehículos e programar franxas de protección, realizar tratamentos de prevención en vías municipais, así como outras actuacións no entorno dos núcleos de poboación.
Así mesmo, segundo lembrou a delegada, en breve estarán operativos os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), que contan entre as súas competencias a colaboración na prevención e exintición de incendios forestais
Por último, apuntou Arias, continúan vixentes os convenios para o mantemento de motobombas municipais e o de desbroces.
Adecuación de franxas forestais
A delegada territorial incidiu na posta en marcha dos convenios que posibilitarán a contratación por parte dos concellos de brigadas complementarias de loita contra o lume, compostas por entre 4 e 6 efectivos.
Os concellos que se sumen a esta iniciativa comprometeranse a preparar faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido. “Estes traballos consistirán na posta en marcha de roza manual, rareo e eliminación de restos nun mínimo de cinco hectáreas durante os tres meses de operativo destas brigadas, co obxectivo de levar a cabo labores de prevención”, explicou a delegada territorial.
O resto das actuacións das que se farán cargo estes equipos serán labores de vixilancia e extinción. “Estes traballos serán concretados polo responsable do distrito forestal correspondente baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia. Executaranse tanto dentro do ámbito municipal como, en caso de necesidade, noutros puntos do distrito”, engadiu Arias.
O importe da axuda da Consellería de Medio Rural e do Mar correspondente ás labores de extinción e vixilancia será anticipado trala firma do convenio. “En canto á axuda dos traballos de prevención”, matizou a delegada territorial, “tramitarase o seu pago tras a correspondente xustificación de cada concello”.