Site icon Crónica3.com A Mariña

Segunda inspección do río Sor da man de Nordés e O Son do Sor a través do Proxecto Ríos

A Asociación de Desenvolvemento das Terras da Faladora, Nordés, xunto coa Asociación Cultural “O Son do Sor” organizan unha ruta interpretativa no maravilloso entorno do río Sor para o domingo 9 de xuño, concretamente no lugar da Ponte Segade (Mañón) ás 11 da mañá.

A ruta, guiada por Antonio Martínez, técnico en xestión e organización dos recursos naturais, ten como obxectivo que os asistentes coñezan, ou escomencen a coñecer, as diferentes especies de árbores e prantas que se poden atopar polo entorno.

Despois do xantar, que será na zona recreativa da mesma Ponte Segade, procederase á inspección do río Sor, a segunda que se fai dentro da campaña de primaveira do Proxecto Ríos, no cal Nordés inscribiu a este río para saber da súa situación actual e, se fose necesario por conta de atoparse algún problema, plantexar medidas correctoras.

A inspección estará nesta ocasión dirixida por Efi Penabade, bióloga, monitora do Proxecto Ríos e, coma Antonio Martínez, membro de Nordés.

Na primeira inspección feita en Ambosores (Ourol) xa fai un mes, os resultados foron moi positivos, pois o hábitat atopouse en perfectas condicións, así coma as análises efectuadas naquel momento por Paco Banhobre, coordinador de grupos de Proxecto e membro de Adega, asociación que facilita o material para levar a cabo as inspeccións.

Exit mobile version