O rexedor sinalou que “foron un total de 60 persoas as que participaron en catro cursos distintos con duración variada e confiamos en que gran parte deles consigan inserirse no mundo laboral”. González Barcia lembrou que “para facer posibles estes catro cursos, que se levaron a cabo no último cuadrimestre do ano pasado, conseguimos unha achega da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Traballo e Benestar, de aproximadamente 175.000 euros”. E subliñou que “os títulos que teñen as persoas que fixeron os cursos son perfectamente homologados e contan con certificación de profesionalidade”.
José Mª González Barcia agradeceu “a presenza aquí hoxe do xefe territorial da Consellería de Traballo, Alberto Linares, que tivo a delicadeza de acercarse a Burela para facer a entrega destes diplomas. Nosoutros vamos continuar nesta liña, porque entendemos que é positivo para axudarlle ás persoas que están nesta situación difícil e complicada como é a de desempregado”.
O alcalde burelés indicou que “nosoutros temos dúas liñas de actuación con desempregados aparte da posible contratación de persoal a través dos plans de cooperación da Xunta de Galicia. As outras dúas liñas teñen que ver coa formación, por un lado, e coa información, por outro. No lado formativo o Centro de Formación Ocupacional desenvolve tarefas importantes, como xa se sabe: levamos a cabo eses catro cursos o ano pasado e agora mesmo estamos na última fase do obradoiro de emprego para persoas que atenden a enfermos de alzheimer, no que participan 15 persoas, neste caso cun investimento de aproximadamente 130.000 euros”.
“Temos outro apartado, que é o informativo a través do servizo de emprego que ten o propio Concello. Aquí estamos en contacto con empresas, ultimamente temos bastantes reunións co mundo empresarial, temos tamén bastantes xuntanzas coas empresas de traballo temporal, encamiñadas todas estas reunións a buscar o maior número de desempregados posible que poidan conseguir traballo. Neste sentido estamos agora mesmo elaborando a documentación para solicitarlle á Xunta subvencións para a contratación de persoal no marco do plan de cooperación que ten establecido cos distintos concellos galegos. E confiamos en que as nosas peticións sexan atendidas na súa maioría”, manifestou José Mª González Barcia esta mañá.
O rexedor dixo que “é unha mágoa que a Deputación Provincial de Lugo non teña aberta unha liña semellante ás Deputacións de Pontevedra ou de A Coruña, que anualmente elaboran un plan de emprego, fundamentalmente xuvenil, para precisamente paliar os efectos desta lacra que nos ven afectando desde hai xa anos”.