Site icon Crónica3.com A Mariña

Trece días para aproveitar as festas patronais de Burela con pregón a cargo de Enrique López Veiga

As festas patronais de Burela 2013 terán lugar do 23 de maio ao 4 de xuño

Burela, 7 de maio de 2013. O Concello acolleu a presentación do programa das festas patronais de Burela 2013, que arrincarán o 23 de maio coa inauguración dunha exposición sobre o urbanismo burelao en imaxes. Xa o día 25 terá lugar o pregón que pronunciará Enrique López Veiga, o que fora conselleiro de Pesca da Xunta e senador. Será na Casa da Cultura a partires das 21 horas.

O alcalde, José Mª González Barcia, dixo que “se trata dun programa que cumpre as expectativas das festas de Burela, onde hai actividades para todos os gustos e para todas as idades”. Haberá, entre outras cousas, unha festa de Cabo Verde na praza de abastos, o I Encontro Intercultural na praza da Mariña e o día do neno, que terá lugar o 26 de maio.

O rexedor sinalou que “aparte de todo isto hai que agradecerlles ás integrantes da comisión de festas o seu traballo para facer posible que Burela teña unhas festas acordes coa entidade que temos como poboación a pesar da situación económica. E hai que agradecer tamén a colaboración e a achega daquelas persoas, daqueles empresarios, comerciantes, etcétera que colaboraron economicamente ou doutra forma para que se poidan financiar as festas”.

Pola súa banda a concelleira de Cultura, Mónica Pedre, explicou que “o presuposto das festas rolda os 100.000 euros. Resultou moi laborioso poder conseguir ese financiamento, por iso reitero o recoñecemento ao traballo feito porque a verdade é que encargarse dunhas festas como as de Burela non é nada doado. Tamén queremos agradecer a colaboración da confraría de pescadores, de Armadores de Burela, das organizacións vinculadas co mundo do mar, que tamén poñen o seu grao de area para que as festas sexan unha realidade”. Pedre tamén agradeceu “a colaboración da Concellería de Deportes porque haberá moitas actividades deportivas durante eses días en Burela”.

O rexedor e a concelleira de Cultura esperan e confían en que o tempo acompañe: son as primeiras festas do verán, marcan o ritmo do que será a actividade estival non só en Burela senón tamén no resto da comarca. A xente doutras comisións de festas ven á nosa vila ver as orquestras que tocan aquí e incluso despois, se teñen boa acollida por parte do público, contratalas para os seus pobos”.

A nota musical poñerana orquestras como Magos de España, Sintonía de Vigo, Aché, Fania Blanco Show, Ciclón, Televisión, El Combo Dominicano, Palladium e París de Noia.

Exit mobile version