Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres grupos de teatro afeccionado da Mariña participan por primeira vez nos circuítos Buxiganga 2013

rDSC_9096A Área de Cultura da Deputación entende este proxecto como un alicerce para a creación de colectivos teatrais na provincia de Lugo

Faro-Miño, de Chantada; Mequetrefes, de Antas de Ulla, Ollomao, de Barreiros, TeatroCrea, de Viveiro, Os Trocos, de Castro de Rei, e Xoldra, de Mondoñedo, son grupos de recente creación que participan por primeira vez nestes circuítos

Lugo, 6 de maio de 2013. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou, esta mañá, os circuítos Buxiganga 2013, nos que participan un total de 30 grupos de teatro afeccionado da provincia de Lugo, de maneira que se ofrecerán un total de 81 representacións, das cales se beneficiarán 62 entidades, tanto concellos como colectivos de índole cultural, subindo ao escenario preto de 300 actrices e actores amadores da provincia.

Segundo explicou Mario Outeiro “ano tras ano, observamos que o número de colectivos na provincia vai en aumento. Se a primeira edición de Buxiganga contou con 12 grupos, na segunda participaron 16 colectivos, na terceira 22, e na cuarta 24, este ano contamos con 30 agrupacións teatrais repartidas por toda a provincia, polo que podemos afirmar que Buxiganga funciona como alicerce para a creación de grupos de teatro na provincia”.

“Proba diso – continuou o delegado- son os colectivos Faro-Miño, de Chantada, Mequetrefes, de Antas de Ulla, Ollomao, de Barreiros, TeatroCrea, de Viveiro, Os Trocos, de Castro de Rei, e Xoldra, de Mondoñedo; grupos teatrais de recente creación que participan por primeira vez nos Circuítos Buxiganga”.

O número de espectadores no programa tamén vai en aumento edición tras edición. O ano pasado, segundo os datos recollidos tralas funcións, houbo arredor dos 6000 espectadores. “Isto é un indicador máis do éxito que está acadando esta iniciativa da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que o ano pasado se viu recoñecido co II Premio Fegatea á Animación Teatral, recoñecemento outorgado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado”, apuntou Outeiro.

Ao igual que na pasada edición, as representacións teatrais puideron ser solicitadas tanto por concellos como por asociacións culturais e veciñais, tendo que facerse cargo do 20% do caché dos grupos, gasto que poden financiar cobrando ata dous euros simbólicos en taquilla, mentres que a Área de Cultura da Deputación financia o 80% restante.

Tamén se mantén o caché dos grupos de teatro afeccionado de maneira que os grupos de ata cinco persoas cobrarán 300 euros por actuación, os grupos de entre seis e oito persoas cobrarán 500 euros por actuación, e os grupos de máis de nove persoas, 850 euros, a menos que un grupo realice o tope de 3 funcións, que pasarán a cobrar 250, 450 e 800 euros, respectivamente.

Exit mobile version