Site icon Crónica3.com A Mariña

Tres praias de Ribadeo lucirán bandeira azul este ano: As Catedrais, Os Castros-Illas e Esteiro

Ribadeo, 23 de maio de 2013. En Ribadeo lograron bandeiras azuis neste 2013 as praias de As Catedrais, Os Castros-Illas e Esteiro e o sendeiro azul que vai desde a Illa Pancha ata o Muíño das Aceas, e por primeira vez consegue unha distinción temática pola xestión de residuos urbanos, residuos de aparatos eléctricos e electrónicos e residuos de pilas e acumuladores. Para o alcalde, Fernando Suárez, trátase dun premio o traballo ben feito e ás boas prácticas dos cidadáns.

O rexedor manifestou que “nos enche de orgullo e de satisfacción ver como un ano máis Ribadeo é merecedor dunha serie de recoñecementos de bandeira azul, de sendeiro azul e, como novidade, temos tamén un galardón de boa xestión de residuos urbanos”.

Suárez Barcia tivo palabras de recoñecemento para o concelleiro de Medio Ambiente, “desde logo quero valorar o traballo do meu compañeiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, que é o encargado de que en todo isto cada ano Ribadeo vaia a máis, sexa un exemplo de boas prácticas, de ofrecer unha imaxe de turismo de calidade e de ver como, por exemplo, unha das praias máis internacionais, como é a de Augas Santas ou As Catedrais, renova un ano máis a bandeira azul. Praias tan emblemáticas tamén, internacionalmente coñecidas, como Os Castros ou As Illas, renovan a bandeira azul; a praia de Esteiro, que é o segundo ano que a consigue, é un areal que está moi habilitado para a xente discapacitada pola súa boa accesibilidade”.

O alcalde tamén aproveitou para felicitar ao Club Náutico por ter pedida e concedida a bandeira azul para o porto deportivo. E dixo que tamén “é moi importante ver como se renova o sendeiro azul entre a Illa Pancha e o Muíño das Aceas”.

Fernando Suárez agradeceu “a colaboración dos veciños polas boas prácticas no que ten que ver coa recollida selectiva, co bo comportamento que está tendo a veciñanza, cada día máis, coa preocupación medioambiental vemos como tamén fomos recoñecidos, por primeira vez, cun galardón que moi poucos concellos teñen, como é este recoñecemento a boa xestión que se fai dos residuos”.

Exit mobile version