Site icon Crónica3.com A Mariña

Un veciño de Ribadeo faleceu na madrugada do venres nun incendio rexistrado nun piso da Avenida de Calvo Sotelo

Suárez Barcia subliñou o dificultoso que resultou extinguir o lume para o que desaloxaron a todos os veciños do inmoble.

Ribadeo, 31 de maio de 2013. Un veciño de Ribadeo de 50 anos falecía esta madrugada nun incendio rexistrado nun piso na avenida de Calvo Sotelo. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou o dificultoso que foi extinguir o lume e dixo que hoxe é un día triste para Ribadeo.

O rexedor declarou: “estamos moi apenados e moi disgustados pola vítima mortal que nos deixou este incendio que se produciu sobre as dúas da madrugada na avenida de Calvo Sotelo”. O falecido é Marino García, un veciño de Ribadeo de 50 anos de idade.

Suárez Barcia dixo que “dentro do malo non houbo que lamentar máis vítimas. Todos os veciños do edificio tiveron que abandonar os seus fogares, incluso o resto da noite tivérono que pasar en casas de familiares ou nalgún hotel. Temos que lamentar a morte desta persoa que ao parecer, segundo me indican, puido falecer por asfixia e a outra persoa que vivía con él, o seu irmán, está en bo estado de saúde”. O alcalde indicou que “resultou moi aparatoso sofocar o lume, unha veciña do 4º piso tivo que ser evacuada por unha ventá a través da escada de incendios que ten un dos camións dos bombeiros. É un día triste para Ribadeo, pero en todo caso quédanos o bo traballo que fixeron todos os profesionais para que este lume non fose a máis”.

Fernando Suárez quixo felicitar pola súa actuación “aos voluntarios de Protección Civil de Ribadeo, que foron os primeiros en chegar ao lugar dos feitos aos bombeiros, que deron o mellor de si, á Policía Local e á Garda Civil, que estiveron alí en todo momento”.

Exit mobile version